Pero os homes e as mulleres de Sober dos anos 30 (os nosos avós, as nosas bisavoas...) eran valentes e loitaban por defender os seus dereitos: desde a proclamación da II República en 1931, Sober é un núcleo de gran actividade sindicalista agraria e obreira.
En febreiro de 1.936 gañou as eleccións a Fronte Popular, coalición composta pola esquerda republicana, os nacionalistas, os comunistas e apoiada polos anarquistas. En Sober, "as esquerdas" obtiveron maioría absoluta e entraron a formar parte da corporación municipal xentes humildes, fundamentalmente labradores e xornaleiros. Foi elixido alcalde Antonio Pérez García, coñecido como “Rei”, do Partido Republicano Galleguista.
O 17 de xullo de 1936 un sector do exército, apoiado polo gran Capital e a Igrexa católica alzouse contra o goberno lexítimo do Estado. En Galicia, de maioría republicana, os militares saen ás rúas o día 20 de xullo, caendo o país en mans dos rebeldes o día 27. Aquí non houbo fronte de guerra; en Galicia a guerra foi un auténtico xenocidio perpetrado polas novas forzas franquistas, que exterminaron a toda aquela persoa que se “sinalara” a favor da República. Houbo un especial ensañamento contra o galeguismo.
Tras o anuncio do golpe o día 18, labregos, obreiros, mariñeiros e demócratas de todo tipo organízanse en partidas armadas para defender a legalidade republicana, acudindo de todos os lugares ás capitais de provincia. De Monforte sae o día 19 de xullo unha partida de 200 homes armados (entre eles xente de Sober) que se dirixe a Lugo, sendo detidos ó regreso pola Garda Civil. Tomada polos militares a capital da provincia o día 20, a Garda Civil e os falanxistas toman toda a comarca de Lemos durante a semana seguinte.
En Sober, unha vez controlada a situación polos rebeldes, iniciouse unha espiral de violencia: asasinatos, encarcelamentos, roubos e torturas.
Cinco soberinos foron asasinados en consello de guerra: Manuel Gutiérrez, os concelleiros Daniel Álvarez Carnero e Edmundo Pérez Díaz e dous participantes na expedición a Lugo de nome Antonio Iglesias Franco e Pedro González Castro.
Polos testemuños da xente sabemos de máis mortes, torturas e humillacións, por exemplo, sabemos como lles rapaban a cabeza ás mulleres dos “rojos”, como lle fixeron beber gasolina a algún ou como expuxeron no adro da Igrexa de Bolmente o cadáver apuñalado dun home que mataron na ribeira.
Naquel tempo as xentes de Sober contemplaron a peor cara da condición humana, pero tamén a mellor, pois houbo xente, incluidas persoas de dereitas simpatizantes do novo réxime, que esconderon e axudaron a escapar a perseguidos, arriscando a súa propia vida.
A maioría da poboación de Sober percibía e percibe que todo aquilo foi unha barbarie.
E o que veu despois de que "Franco salvara a España de las ordas rojas" foi fame, humillación, duras condicións de traballo (* Lémbrese ós soberinos que morreron por enfermidades respiratorias contraídas nas minas de Freixo, nas que pasaban días enteiros no interior extraendo mineral, ou a cantidade de mortes que custou a construcción da presa de Belesar, pois o Réxime apuraba as obras que solucionarían os apagóns de Madrid, mentres as mellores terras dos lebregos se anegaban e a potencia de luz axeitada tardaba décadas en chegar a moitas zonas de Galicia.), emigración e esquecemento. É unha obriga dos demócratas restablecer a memoria de quenes loitaron por defender a xustiza.
---
*Na 2ª foto - Asistentes á homenaxe ó alcalde soberino Antonio Fernández del Campo en 1.933.
· Fontes:
- Mª JESÚS SOUTO BLANCO: La Represión franquista en la Provincia de Lugo (1936-1940).
Ediciós do Castro. 1998.
- VELASCO SOUTO, CARLOS F.: 1.936 Represión e alzamento militar en Galiza.
Edicións A Nosa Terra, colección Historia de Galicia.
2 comentários:
Recuperar ese pasado, que é noso e que é digno, e unha tarefa a que nos debíamos adicar con esforzo.
Lembrar esa memoria histórica da que agora tanto se fala e que durante todos estes anos de transición (seguimos na transición, que conste) apenas se fixo nada por rehabilitala. Por suposto, a dereita rancia e obsoleta que segue sendo o PP non quere saber nada desto. Pero nós si.
Apertas.
Non se entende como agora pode o PP acadar maioría absoluta.
Enviar um comentário