PLENO - XANEIRO 2012

Suba de taxas pola recollida de residuos e do PAI e moción do BNG pedindo elaborar ordenanzas municipais para a utilización privativa do dominio público

* O goberno local propuxo unha suba da taxa pola recollida de residuos, que ficaría así nuns 4 € ao mes.
O BNG abstívose porque considera que a taxa non é desproporcionada por este servizo - que, aínda coa suba da taxa, vai resultar deficitario - pero a calidade do servizo debe mellorar, especialmente no tocante a limpeza de contenedores. 
Sobre todo pedimos revisar o censo de suxeitos contribuíntes, pois danse casos de casas que non pagan con similares características a outras vivendas que sí o fan (por exemplo, xente que só habita na vivenda os fins de semana, uns pagan e outros non). E todo o mundo debe pagar por igual.
O goberno local comprometeuse a facer dito censo por parroquias.
A taxa aprobouse cos votos a favor do PP, abstención do BNG e voto en contra do PSOE.
Nunha cuestión que non reparamos os grupos da oposición no Pleno foi no feito de que a liquidación da taxa se fará cada 6 meses (25 € cada vez; son 50 € anuais), sendo mellor para as familias que a taxa fose liquidada en cantidades máis pequenas cada menos tempo, cada dous (8 €) ou tres meses (12 €).

* Aprobación da ordenanza fiscal do prezo público polo servizo de gardería do PAI (Punto de Atención á Infancia). 
Estamos de acordo en subir as tasas (proponse 60 € de matrícula e 110 € mensuais), porque eran moi baixas (20 € matrícula/40 € ao mes; exención para veciñanza de Sober), pero para unha gardería pública co noso nivel de salarios son agora altas, aínda non chegando a nova suba que acaba de aplicar a Xunta para as escolas infantís (160 € mensuais).
As exencións e bonificacións están mellor que as da ordenanza anterior (a de 2005, na que estaban exentos de cota os veciños de Sober e había bonificacións no caso de irmáns). Na nova ordenanda as bonificacións e exencións contemplan máis supostos e son máis sociais.
Os concellos pequenos como Sober non teñen capacidade propia para soster estes centros, facendo cargar o seu sostemento sobre as familias. Antes que pechar o PAI, estamos de acordo coa subida da taxa, por iso a abstención, pero o BNG ten preferencia por unha rede galega de escolas públicas infantís, coma a que impulsara o goberno da Xunta 2005/2009, e que o PP desgaleguizou e agora ameaza con privatizar.

* O Pleno acordou por unanimidade a creación dun ficheiro municipal de datos persoais, conforme á normativa vixente.

* Moción do BNG: elaborar ordenanzas municipais pola utilización do dominio público por parte de empresas de telefonía, enerxéticas ou da banca.

A fiscalidade é un dos grandes obstáculos nos concellos medianos e pequenos como o noso, e debemos tentar atopar solucións que non pasen por poñer a presión fiscal sempre na xente do común. E ainda por riba, a única reforma constitucional que se fixo no estado, obríga aos concellos a controlar máis o gasto adoptando medidas antipopulares, regresivas e dolorosas para a cidadanía. As administracións deberían ter a obriga de buscar outro tipo de solucións no canto de botar enriba dos seus cidadáns e dos concellos os problemas que eles non crearon.
Hai sectores que viven un momento de importante expansión económica como a telefonía móvil, industria enerxética (eléctricas, eólicas) ou a banca, que teñen en común a necesidade de usar infraestructuras públicas locais ou municipais sen que esto repercuta nas arcas do concello. Para que estas empresas podan ofrecer e prestar os seus servizos, é necesario que desfruten da utilización privativa ou dos aproveitamentos do dominio público local, constituidos polo voo, solo e subsolo das vías ou terreos públicos municipais.
O Tribunal Supremo deu vía libre aos municipios para poder cobrar a caixas e bancos pola utilización intensiva que os caixeiros automáticos fan dos espazos públicos. Nesta sentencia recoñeceuse a lexitimidade para poder cobrar una taxa municipal aos caixeiros automáticos instalados nas fachadas das entidades financeiras.
As empresas do sector enerxético (eléctricas, eólicas, solares, etc) fan uso do dominio público nas súas actividades polo que este tipo de taxas serian susceptibeis de aplicación. No caso destas empresas, dito aproveitamento ten características especiais porque fan unha ocupación continua tanto no espazo coma no tempo. Por este motivo, a propia lei regula un procedemento específico para valorar dita utilidade e determinar o importe da cota da taxa, que se pode fixar nun 1.5 % dos ingresos brutos procedentes da facturación que obteñan anualmente no termo municipal.

Como a moción foi tida en consideración, presentámola como rogo, á espera de que sexan presentadas ao Pleno as ordenanzas pertinentes.

* Petición do BNG: arranxar o cenador do entorno do miradoiro da Pena do Castelo, en Doade.

VOCEIRO BLOQUE SOBER Nº 11 - NADAL 2011 - Con lotaría do Nadal!

Ler a revista da asemblea local nacionalista de Sober pode ter premio. Ademais de informar de todo o noso traballo municipal durante esta lexislatura, comezada en maio de 2011, sorteamos participacións de lotería do Nadal. A revista comezará a chegar ás casas a finais desta semana e o prazo para participar no sorteo vai do 25 de decembro ao 31 de xaneiro. De momento, podedes ir lendo a publicación na Rede e memorizando o número que xogamos: 58.799. Bo Nadal!
Voceiro Sober Nadal 2011

PLENO - NOVEMBRO 2011

O BNG pediu que se inste á Xunta a restituír os créditos eliminados aos concellos para o financiamento do Plan Concertado e para que se retire a orde que regula o dereito de acceso á asistencia sanitaria ás persoas sen recursos e desempregadas.

No eido local, o BNG demandou que o Concello se dote dun Plan Integral contra a violencia machista, que se adecente o entorno dos petróglifos do Xestal, que se reparen as madeiras retortas da oficina de turismo e se acometa unha limpeza profesional a fondo da Casa da Cultura.

Emitiuse unha repulsa unánime contra a violencia machista e instouse a todas as administracións a cumplir as distintas leis sobre esta materia.

Sober, 24 de novembro de 2011.

PLENO ORDINARIO

1º - A acta anterior foi aprobada por unanimidade.

2º - Deuse conta de decretos da alcaldía.

3º - Aprobouse por unanimidade o regulamento de agrupación de voluntarios de protección civil do Concello de Sober.

O BNG votou a favor por considerar correcto o regulamento da agrupación de voluntarios, que mantén un funcionamento democrático, e pediu que se usase unha linguaxe inclusiva na denominación da agrupación, sendo aceptado isto, co cal se chamará Agrupación de Voluntariado de Proteción Civil do Concello de Sober.

4º - A corporación aprobou provisionalmente por unanimidade a ordenanza fiscal reguladora do imposto de construcións, instalacións e obras. O BNG votou a favor por terse incorporado ao texto as bonificacións e exencións que contempla a lei xeral [Real Decreto 2/2004, de 5 de marzo, no artigo 103.2] e que o BNG demandara incluír no pasado pleno. Así, inclúense as seguintes bonificacións no imposto:

ARTIGO 8. BONIFICACIÓNS

Prevense as seguintes bonificacións      

- Unha bonificación do 95% a favor das construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico-artísticas ou de fomento de emprego que xustifiquen tal declaración.

Corresponderá a devandita declaración ao Pleno da Corporación e acordarase, logo de solicitude do suxeito pasivo, por voto favorable da maioría simple dos seus  membros.  
- Unha bonificación do 50% a favor de construcións, instalacións ou obras referentes ás vivendas de protección oficial. 
- Unha bonificación do 90% a favor de construcións, instalacións ou obras que favorezan as condicións de acceso e habitabilidade dos discapacitados.

ASUNTO DE URXENCIA - O Pleno acordou por unanimidade que o Concello se adhira ao Convenio Marco para a recollida de aparatos electricos.
5º - Mocións.

Tanto PSOE coma PP tiñan presentado mocións contra a violencia machista, mais acordouse non debatilas e sustituílas por unha repulsa unánime do Pleno contra esta lacra social e instando ás distintas administracións a cumplir as leis nesta materia.

6º - Rogos do BNG.

- En protesta polos recurtes da Xunta no Plan Concertado de prestacións básicas de servizos sociais (ver aquí).

- Pedindo a supresión do Protocolo que desenvolve a Orde de 5 de setembro de 2011 que regula o dereito de acceso á asistencia sanitaria para as persoas sen recursos económicos suficientes e para as persoas desempregadas (ver aquí).

- Que para o ano 2012 o Concello, a través dos Servizos Sociais, deseñe un Plan Integral contra a violencia machista, no que se inclúan actividades de concienciación periódicas incluídas no planemento de actividades lúdicas socio-culturais (ex. talleres para a infancia, etc). Que sirva de reflexión colectiva sobre o machismo existente na nosa sociedade, caldo de cultivo para que cada ano morran no estado español unhas 70 mulleres a mans das súas parellas.

- Que o Concello axude á Asociación Veciñal de Neiras a determinar cal é a titularidade do local social de dita parroquia, para que esta asociación poida pedir unha axuda para arranxar as instalacións, que teñen humidades que están a estragar as paredes.

- Que o Concello fale cos propietarios das fincas nas que están os dous petroglifos do Xestal para limpar o entorno destes, a cargo do Concello. Reciben visitas ao longo do ano – visitas que teñen que ser guiadas, pois a xente que quere visitalos por sí mesma non dá atopado os petroglifos, ao non ter ningún tipo de sinalización - e son un dos elementos patrimoniais de Sober máis importantes. O estado do entorno é moi deficiente, algo que se podería mellorar con poucos cartos, só con limpeza, mesmo por parte de xente voluntaria. Máis adiante, o Concello podería pensar en plantexarlles aos propietarios poder facer unha intervención branda no entorno, coma unha sinalización moi somera e panel de interpretación e un camiño de acceso adecuado ao entorno. Para isto, o Consorcio de Turismo debería colaborar.


- Hai que poñer solución ás madeiras retortas da Oficina de Turismo. Foi un deseño non adecuado para as condicións climáticas de Sober, e por iso está deteriorado dende o pouco tempo de abrir.



- A Casa da Cultura precisaría unha limpeza a fondo, a cargo dun equipo de profesionais, pois nunca foi limpada dese xeito. Ademais, segue a haber goteiras cando chove moito, habería que pensar en atallar este problema.
 

[O PSOE pediu que se presentasen os orzamentos en tempo e forma, que se axilizasen os permisos das obras do canon hidroeléctrico e que se limpe a Lama de Rosende].

6º - Preguntas do BNG.
- Cantos cartos aportará este ano a Xunta de Galicia ao Plan Concertado de Servizos Sociais do Concello de Sober? Que recurte supón con respecto a anos anteriores? Como se vai afrontar?
O BNG entende que os Servizos Sociais son o que xustifican a existencia dos concellos pequenos, é o último no que hai que recurtar. 
--- RESPOSTA - A Xunta deu un pouco máis que o ano pasado para atención á dependencia (tamén hai máis usuarios/as do servizo) e recurtou uns 9000 € en axuda no fogar.


- O Concello de Sober adica algo do orzamento ao mantemento do campo municipal de Centeás? Canto? Recibe auga da traída municipal para regar? 
--- RESPOSTA - No verán está prohibido regar con auga da traída o campo de Centeás. A auga dos vestiarios é da traída, igual que a dos do campo da Carqueixa [pendente de confirmar; a Carqueixe sempre se abasteceu dun manantial propio].
Non se invirten cartos directamente no campo de Centeás, salvo axuda de persoal do Concello cando hai averías. A axuda que houbera para arranxar os vestiarios fora con fondos da Xunta.

- Vanse traer os Orzamentos ao Pleno antes de final de ano nun pleno extraordinario? Xa non se cumple co obxectivo de planificar ben os orzamentos, pois xa non se tran os de 2012 antes de final de ano. O BNG pide que se traian canto antes.

--- RESPOSTA - Tentaranse traer en decembro ou no pleno ordinario de xaneiro, en todo caso antes de que remate o primeiro trimestre do ano 2012.

Resultados do BNG en Sober nas Xerais 2011.

O BNG de Sober obtivo nas eleccións do 20-N 140 votos, o 7,9%, o que representa un descenso de case 4 puntos porcentuais a respeito de 2008, nas que o BNG de Sober superara a porcentaxe de voto nacional ao BNG. Desta volta, o BNG de Sober, que leva dende 2007 acadando resultados por riba da media nacional de voto ao BNG, fica arrastrado na caída xeral, clara aínda que contida, da fronte nacionalista, que mantén os dous representantes no Congreso dos Deputados, baixando levemente a súa porcentaxe.

Sobre estes resultados, nos que tamén teremos en conta o aumento do voto en branco en Sober, reflexionaremos nunha vindeira asemblea local que convocará en breve o noso responsábel local.

* Consulta os resultados do BNG en Sober aquí.