O BNG PIDE A CREACIÓN DUN "CONSELLO SECTORIAL DA AUGA"


* Nota pública do Grupo Municipal do BNG de Sober.


O BNG PIDE CREAR UN “CONSELLO SECTORIAL DA AUGA”, CON REPRESENTACIÓN DAS PARROQUIAS, PARA BUSCAR SOLUCIÓN ÁS CARENCIAS DE SANEAMENTO E ABASTECEMENTO DE AUGA DO CONCELLO DE SOBER

Este debería ser o espazo para o debate político sosegado, a información ás parroquias e o asesoramento técnico sobre a auga.

De crearse, pedimos que na primeira xuntanza se informe detalladamente sobre o estado das redes de saneamento e abastecemento de augas do Concello, especialmente que se especifique o funcionamento da estación potabilizadora de Canaval, se se abastece regularmente de auga do Cabe, e que se explique á veciñanza o resultado das análises da auga da traída.

Sober, 14 de agosto de 2011.

A alta mortandade de peixes rexistrada no Cabe o pasado xullo, pese a ser algo circunstancial, veu a evidenciar o precario estado de saúde do río e abondou na preocupación da xente sobre a salubridade da auga da traída de Arroxo, Proendos, Canaval e Refoxo.
Sobre esta traída de auga o BNG xa emitiu a súa opinión reiteradamente na pasada lexislatura: escolleuse a peor solución para o abastecemento de augas, consistente en bombear auga dende un dos puntos máis baixos do Concello cara zonas máis elevadas, co conseguinte sobrecusto, e elixiuse coller unha das augas de peor calidade do Concello, a do río Cabe ao seu paso por Canaval. Cremos que cómpre buscar unha alternativa a esta traída e á carencia de saneamento da maior parte dos núcleos de poboación de Sober, facendo obras por zonas e mantendo informada á poboación das parroquias. As deficiencias do municipio en materia de saneamento - especialmente - e abastecemento de augas deben ser un obxectivo prioritario do Goberno Local e das forzas políticas municipais.

Por iso, propoñemos ao Pleno – a través dunha moción que presentaremos na vindeira semana – a “Creación dun Consello Sectorial da Auga en Sober, no que estén integradas persoas representantes de cada forza política, representantes do Goberno Local e representantes de cada asociación veciñal parroquial, cuxo obxectivo sexa o de buscar solucións para as deficiencias de saneamento e abastecemento de augas do municipio así como o de manter informada á cidadanía, a través das súas asociacións, sobre a situación das redes de saneamento e abastecemento de auga do Concello de Sober.” Ademais, o BNG adianta que “as solucións que se barallen deben atender a criterios hixiénicos-sanitarios e de sustentabilidade ecolóxica e económica, buscando a auga en mananciais situados en cotas suficientemente altas para facer o subministro por gravidade, e de entre estes, os que estean menos expostos a verquidos eventualmente contaminantes.”

Por outra parte, os problemas ecolóxicos do Cabe esixen unha actuación da Xunta de Galicia, que debe “dotar dunha nova estación depuradora a Monforte”, pois a propia Consellería de Medio Ambiente admitiu as carencias existentes en Monforte en materia de tratamento de augas residuais, algo que afecta directamente a Sober. Tamén é precisa a actuación da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e do Ministerio de Medio Ambiente, pois “débese vixiar as posíbeis verteduras no Cabe e controlar o caudal do río” - particularmente limpando a maleza acumulada nalgúns puntos - para evitar a diminución de osíxeno na auga.

Os ríos galegos son sobreexplotados dende o punto de vista enerxético e a súa contaminación no medio rural provén, xeralmente, da deficiente dotación de redes de saneamento, servizo básico que as administracións están obrigadas a prestar. O pobo galego temos dereito a que os astronómicos beneficios da explotación enerxética dos nosos ríos – como ben sabemos no sur de Lugo - revertan na calidade ambiental do noso país e na mellora das posibilidades de vida digna no medio rural e non só na conta de resultados das grandes hidroeléctricas. Que no ano 2011 a maior parte dos núcleos de Sober estén sen saneamento e que o Cabe esté nun estado precario mentras se avalan obras de mellora de potencia eléctrica no Sil, coma o proxecto de Iberdrola de perforar o canón, é unha situación colonial: as administracións públicas non actúan a prol da cidadanía galega e sí para favorecer intereses dos grandes capitais españois.

BNG – SOBER

2 comentários:

Anónimo disse...

Convirten o Sil nun río morto. Estes PPorcos impresentables.

Anónimo disse...

Luisiño, Luisiño, pan e circo.