PLENO - XULLO 2011


Asuntos tratados no pleno de xullo, que foi convocado de xeito extraordinario, entre eles: posta a disposición de terreos para un miradoiro en Bolmente, cambio de nome da rúa do Cine (que pasa a chamarse do Cine Barbagelata) e distintos rogos do BNG: desbroce dun camiño en Figueiroá, adecentamento da praza de Sistín do Mato e adecentamento dos miradoiros.


* INFORME TRIMESTRAL SOBRE FACTURAS PENDENTES (con máis de 30 días e con máis de 55 días).

* POSTA A DISPOSICIÓN DE TERREOS PARA MIRADOIRO “COTARRO I” EN BOLMENTE

O BNG votou a favor desta proposta – como toda a Corporación -, argumentando que se deben ter en conta os seguintes aspectos, que foron presentados como rogos.

A) Que se cambie o nome aséptico e incorrecto de “Cotarro I” polo de Miradoiro da Cividade.
B) Que área de paneis informativos prevista no proxecto se inclúan informacións sobre o entorno, tanto paisaxístico, como histórico (o castro da Cividade, o Cotarro das Rodas…) e humano (o traballo na ribeira…), tendo en conta para a súa elaboración a opinión das xentes da parroquia e das asociacións da zona. 
C) Que a información dos paneis informativos esté en galego, ademais de en castelán e inglés. 
D) Que se acondicione e manteña limpo un camiño de acceso a pé ao Castro da Cividade e que se incorpore un panel simple explicativo sobre o castro.
E) Que, unha vez adxudicada a obra, se se produce rebaixa no orzamento plantexado, os cartos “sobrantes” se invirtan en obras de interese veciñal na parroquia de Bolmente.


* CAMBIO DE DENOMINACIÓN DE RÚA
A rúa do Cine pasará a chamarse rúa do Cine Barbagelata, cos votos a favor de PP e BNG e a abstención do PSOE.
Dende o BNG entendemos que se reúnen os requisitos necesarios para levar a cabo o cambio de denominación da rúa, que é de xustiza engadir este apelido de quen abriu o primeiro cinema en Sober ao nome da rúa, que a familia Barbagelata foi fundamental para a chegada do cinema a Galicia e pioneira a nivel estatal na introdución do cinema.

* APROBACIÓN DE ORDENANZA REGULADORA DA APERTURA DE ESTABLECEMENTOS PARA O EXERCICIO DE ACTIVIDADES NON SOMETIDAS A AVALIACIÓN DE INCIDENCIA AMBIENTAL
O BNG votou a favor, por axustarse a ordenanza á legalidade.

* ROGOS
O BNG presentou os seguintes rogos, aos que o alcalde se comprometeu a darlles solucións.

Durante a campaña electoral das eleccións municipais de 2011, o BNG recolleu distintas peticións de xentes de todas as parroquias de Sober, comprometéndose a buscarlles solución, de ter responsabilidades de goberno nesta lexislatura, ou a trasladalas ao grupo de goberno municipal correspondente, neste caso, o PP.

Así, o Grupo Municipal do BNG presenta estas cuestións en forma de rogo á Xunta de Goberno Local para que se busque a solución, pola vía que corresponda, a cada un dos seguintes pequenos problemas plantexados polas xentes de Sober.

DESBROCE DE CAMIÑO TRADICIONAL – FIGUEIROÁ
O camiño dende o núcleo de Veleigaz ao núcleo do Barrio, en Figueiroá, está cheo de maleza, sendo un camiño que podería ser usado para pasear, aproximando estes dous núcleos sen obrigar á xente a dar un rodeo. Só cómpre desbrozalo, as paredes que o flanquean están en bo estado.

ADECENTAMENTO DA PRAZA DE SISTÍN DO MATO – CANAVAL
A praza central do núcleo de Sistín do Mato, un dos núcleos máis poboados do Concello, sería un lugar idóneo para colocar uns bancos e unha pequena zona axardinada, con algunha árbore para dar sombra.

LUZ PÚBLICA FUNDIDA EN SANTE – BULSO

ZAHORRA EN CAMIÑO – SANTIORXO
No núcleo dos Hortos, en Santiorxo, a baixada á casa do Secundino, usada por turismos, podería mellorarse botando zahorra, solución que evitaría o forte impacto do asfalto.

ADECENTAMENTO DOS MIRADOIROS
O estado dos miradoiros de Bolmente, Santiorxo e Cadeiras non é bo. Os paneis existentes non informan adecuadamente da ubicación onde se atopa o viaxeiro e qué elementos pode ver dende eles, nin dan unha mínima información sobre a paisaxe e a cultura ribeirá. No caso dos miradoiros de Santiorxo e Cadeiras a vexetación, fundamentalmente os piñeiros, impiden percibir unha vista completa do canón.

Sem comentários: