TURISMO

ENORMES POTENCIALIDADES DESAPROVEITADAS

En Sober temos ríos e regatos, fervenzas e vales, canóns e penedos que conforman unha paisaxe única con moitas rutas de sendeirismo aproveitables.
Tamén hai mámoas, petroglifos, castros e elementos da cultura castrexa e romana, igrexas de interesante románico, pinturas murais renacentistas, retábulos barrocos, casas grandes, muniños e pobos co encanto tradicional.
Producimos viño de calidade, augardente, rosca e a xoia da alfarería de Gundivós.
Entón, ¿por que o Turismo apenas deixa riqueza en Sober? ¿Será porque o Concello non fomenta as rutas de sendeirismo, no apoia o suficiente a artesáns e productores, non coida o patrimonio natural, non oferta actividades de ocio atractivas e pasa completamente do Patrimonio histórico? Será.
Cómpre elaborar un Plano de Desenvolvemento Turístico que faga deste sector clave para a economía do noso Concello unha fonte de riqueza para toda a poboación; de desenvolvemento acorde co medio natural e unha oportunidade para profundizar no estudo da fecunda e descoñecida Historia do noso pobo.
WEB OFICIAL DO CONCELLO DE SOBER
Aproveitamos para manifestar a nosa opinión sobre o tratamento do Patrimonio natural e arqueolóxico na páxina web do Concello (que mellorou no seu deseño):

- No apartado Turismo Natural aparecen escasas fotos (20) e moi repetitivas: 2 da Pena do Castelo, 6 do entorno dos Chancís, 2 da Residencia (¿Turismo Natural?); 1 da praza e 1 do parque de Sober e o resto dos Canóns do Sil. Bótase en falta a fermosa ribeira do Cabe, monumentos naturais coma o Souto do Tellada, unha boa fotografía dos muíños do Xabrega, paisaxes penedíos da ribeira de Bolmente, Cadeiras, pobos con encanto coma Barantes ou Portizó...
- Na sección Patrimonio histórico-artístico non se inclúe ningunha fotografía dos petroglifos e só se comenta o dos Cótaros; non aparecen fotos de mámoas nin de castros; só se fala de 3 igrexas e da capela dos Anxos, esquecendo o interesantísimo románico de Pinol (detalle na foto), e falta apoio fotográfico para as explicacións. Faltan as pinturas murais da Igrexa de Proendos, as Casas Grandes, a arquitectura tradicional...
A Concellalía de Cultura (que non existe como tal) tén que coidar este aspecto na páxina oficial do Concello, pois é referencia para potenciais visitantes de Sober.
¡¡¡VÉN COÑECER SOBER E OS SEUS CAMIÑOS!!!
Para o vindeiro mes de Abril prepararemos un roteiro por Sober. Faremos unha ruta de sendeirismo e achegarémonos ó noso Patrimonio arqueolóxico.

Inda non temos preparado o itineraio, pero podes apuntarte xa deixando un comentario neste Blog cunha dirección de correo electrónico de contacto se che interesa participar nesta xornada nun Domingo do mes de Abril.

2 comentários:

Raposo disse...

Pois interésame a proposta esa do sendeirismo. Estarei atento.
Unha aperta

Paula Verao disse...

A ruta queda para Xullo...
Despois dos exames, claro.