Deslealdade do Concello ao reunirse con Iberdrola sen avisar á Comisión de Turismo

O BNG de Sober considera deslealdade que o alcalde e a tenente de alcalde de Sober se reunisen con Iberdrola sen avisar á Comisión de Turismo do Concello.
A área de Turismo da Deputación é o único organismo público que está a aportar solucións para Sober ante a baixada do nivel das augas do Sil, mentras a Xunta nin fai propostas nin colabora coa Deputación.


En días pasados responsábeis da empresa Iberdrola reuníronse co alcalde de Sober, José Gómez, e coa responsábel de Turismo do Concello, María del Carmen Agrelo, sen que esta xuntanza fose coñecida pola Comisión de Turismo do Concello de Sober, creada a instancias do BNG. O BNG de Sober considera este un acto de deslealdade cos axentes socioeconómicos e grupos políticos representados en dita Comisión, do mesmo xeito que foi desleal co BNG non ter avisado ao representante nacionalista na Comisión da reunión ca área de Turismo da Deputación ata unhas horas antes de que se producise*.

Ademais, as declaracións da tenende de alcalde pedindo colaboración á Deputación nas supostas compensacións que Iberdrola faría en Sober son falaces, pois é a área de Turismo da Deputación o único organismo público que puxo sobre a mesa propostas concretas para compensar a Sober pola baixada do Sil, a diferencia do que fai a Xunta de Galiza, da que aínda non coñecemos ningunha proposta de solución sobre o asunto. Non é o PP quen de dar leccións á área de Turismo da Deputación, xestionada polo BNG, pois mentras os "populares" gobernaron na Deputación crearon un problema construíndo o embarcadoiro cortando unha fervenza e nun lugar no que non é operativo, sen preocuparse nunca por solucionalo.



En relación á falta de implicación da Xunta, o BNG de Sober considera que, afectando tamén a baixada do nivel das augas do Sil ao sector vitivinícola, deben implicarse as áreas de Medio Rural e de Industria na busca de compensacións ás obras de Iberdrola. Así, o BNG de Sober presentará unha moción para que o Pleno de Sober acorde pedir á Comisión de Turismo que esta se dirixa ás Consellarías de Medio Rural e de Economía e Industria e, polo tanto, á Xunta de Galiza, a través da Delegación Territorial de Lugo, para que a Xunta se implique economicamente e colabore ca Deputación, o Concello e os axentes socioeconómicos soberinos, reunidos na Comisión de Turismo, ampliando a solución exposta pola área de Turismo da Deputación e facéndoa máis ampla.

* Nesta xuntanza que a Comisión de Turismo de Sober tivo cos responsábeis da área de Turismo da Deputación o pasado 15 de Marzo, estes explicaron as compensacións que dende dito organismo se farán en Sober pola baixada do nivel da auga do Sil e que consisten en:

- unha vez que baixe o nivel da auga acometer, en función das posibilidades, as obras necesarias para converter o embarcadoiro dos Chancís, actualmente inoperativo, nunha base permenente para os catamaráns do Sil.



- potenciaranse as rutas do Km0.



- facer da Xabrega un punto de acceso de embarcacións de pequeno e mediano tamaño, comprometéndose a Deputación a ofertar, durante este ano 2010, viaxes nestas barcas como turismo de aventura, levando á xente en bus dende a zona dos Chancís e acondicionando o entorno da Xabrega.



- promover un tren turístico que fará o percorrido de Ourense a Monforte, dende onde os visitantes se desprazarán en bus a Sober e Doade, facendo paquetes turísticos nos que se visiten adegas e artesáns, como compensación ao descenso de visitantes que o non funcionamento dos catamaráns orixine.



- estudarase a posibilidade de facer unha base para embarcar en Chanteiro.



O BNG de Sober está satisfeito coa proposta, pois ofertarase un turismo alternativo aos catamaráns, mellorarase o acceso en barca de viticultores e viticultoras á Xabrega e de ser viábel, solucionarase a inoperatividade do embarcadoiro dos Chancís, completando así o catamarán o circuito Doade – Os Chancís.

Sem comentários: