POR UNHA ESTRATEXIA PESQUEIRA GALEGA

Por unha estratexia galega fronte á nova reconversión da pesca decretada pola UE
En tempos de crise, e a que vivimos é particularmente aguda, a alternativa que oferece a Comisión Europa fronte á situación dos sectores produtivos galegos é invariabelmente a reconversión, a perda de capacidade produtiva. Desta volta tócalle á pesca. A Comisión vincula calquera tipo de axudas a unha nova reconversión, que mesmo chega a cuantificar nun 30 por cento. O novo Fondo Europeo de Pesca 2008-2013 –que substitúe aos anteriores IFOP- persegue claramente este obxectivo, con independencia do estado de cada un dos caladoiros, especies ou da incidencia que cada segmento da frota teña sobre as zonas de pesca.

Para unha frota como a galega, esta intención da UE, posta de manifesto explicitamente polos comisario Joe Borg nunha recente visita a Galiza, é sinxelamente inaceptábel e desde o BNG, como non podía ser doutro xeito, xa se está a traballar para fixar unha posición contraria e para inducir unha resposta social e política de defensa do sector. Así o manifestou o portavoz de Pesca nacionalista, Bieito Lobeira, tanto na visita do comisario como nunha reciente comisión no Parlamento, durante a cal o director xeral de Estruturas e Mercados da Consellaría asegurou que a Xunta tamén esgotará todas as posibilidades antes de optar polo desgüace.

O BNG aproveitou ese debate na Cámara, a iniciativa de Lobeira, para lle propor á Consellaría de Pesca elaborar unha “folla de ruta”, unha estratexia que evite esta nova reconversión, que ademais tamén está contemplada nas previsións do Libro Branco do Goberno do Estado na materia.

Galiza non pode perder máis buques –só nos últimos oito anos xa perdeu 3.000 e, segundo as previsións actuais, desaparecerían 1500 máis-. Galiza non pode continuar a asumir ese discurso tan reiterativo como falso de que “a frota galega está sobredimensionada”. A pesca galega ten futuro e é un dos sectores produtivos básicos e estratéxicos da economía nacional que cómpre pór en valor e protexer, máxime nun contexto de crise como no que estamos mergullados. Mais para iso fan falta políticas comprometidas que acrediten nas potencialidades do sector e, desde logo, reforzar o ámbito competencial do Goberno galego como única vía para recuperar a capacidade produtiva perdida.

Se a economía produtiva é a chave para enfrentarmos a crise económica e para mudar de modelo -da especulación á criación de riqueza-, a pesca e o complexo mar-industria son, desde logo, pezas basilares de calquer política de desenvolvemento do País. Cumpre, por tanto, responder con firmeza en todos os foros parlamentares, e tamén desde a sociedade, a planos deseñados desde Bruxelas e non retrucados desde Madrid.

Sem comentários: