O PLANO DE RESCATE DA BANCA

O pasado 7 de Outubro, e após unha cimeira coa plana maior dos banqueiros, o presidente do Goberno do Estado anunciou un plano de rescate da banca privada, curiosamente despois de apresentar o sistema financiero español como o máis solvente de Occidente.

Este plano de rescate, ben como a propia crise económica, ispe as debilidades e contradicións do modelo neoliberal, un modelo que con matices teñen defendido durante as últimas décadas os dous partidos de ámbito estatal. Agora, para salvar ao capital financiero, non importa esquecerse dos dogmas predicados: a banca esquécese de que o Estado non debe intervir na economía, o Estado esquécese de que non se debe recorrer ao endebedamento e Europa esquécese do déficit cero.

O plano de rescate non é aceptábel para o BNG pois consiste en transferir á banca privada fundos públicos cun custo estimado entre os 30.000 e os 50.000 millóns de euros sen contemplarse nengún mecanismo de control público que garanta o cumprimento dos fins sociais que se di perseguir. Ademais diso, non é un plano transparente nen responde a procedimentos democráticos. Non é transparente porque non existe nengunha forma de saber se o diñeiro público irá garantir o crédito ás familias ou ás empresas ou, pola contra, a abonar as débedas que os bancos teñen co mercado de capitais internacional. E non responde a procedimentos democráticos porque se concebiu de costas viradas ao Parlamento e foi coñecido antes polos banqueiros, nunha insólita cimeira co presidente do Goberno español, que polos representantes da soberanía popular.

No debate habido esta semana no Pleno do Congreso, o BNG expresou a súa oposición e votou en contra da convalidación deste decreto.

O BNG non se limitou a mostrar a súa oposición. Tamén propuxo alternativas. A primeira, a tramitación parlamentar desta iniciativa gubernamental como proxecto de lei e non como decreto, de maneira que se puidese mellorar o seu contido através das oportunas emendas. A segunda, o estabelecimento de garantías que asegurasen o correcto uso dos fundos públicos por parte das entidades privadas. Esas garantías só poden vir da man da adquisición por parte do Estado de activos, accións, da banca privada, isto é, a nacionalización parcial ou total das entidades afectadas. Unha nacionalización que xa teñen materializado outros Estados europeus -e mesmo os EUA- e que se traduce na presenza de representantes do Estado nos consellos de administración da banca privada. Só así se pode garantir que os fundos que se inxecten vaian efectivamente a restabelecer o fluxo de crédito á economía produtiva e non sirvan para engordar unha futura nova burbulla financeira.

A posición contraria do Goberno estatal a respecto destas alternativas do BNG non pode entenderse desde posicións políticas progresistas. Dar diñeiro público á banca privada sen máis garantías do seu bon destino que a boa vontade deses bancos non deixa de ser temerario tendo en conta que precisamente a falta de control e de regulación públicos é xusto o que nos ten levado a unha grave crise financeira que atinxe xa a economía real.

Sem comentários: