TRAÍDA PARA MER, FROXÁN E A CARQUEIXA

O BNG de Sober pide que o Concello debería poñer xa a auga da traída aos pobos de Mer, Froxán e A Carqueixa. Opinamos que sería conveniente cambiar a instalación pois a actual ten xa máis de 30 anos.
Parécenos discriminatorio con estes pobos que a eles se lles esixa entregar o manatial comunal para poñer a auga da traída mentres que noutros se puxo a auga sen máis.
Por outra parte o expediente sobre a traída de auga do Concello de Sober di que esta é para abastecer a todo o municipio, polo tanto non sería preciso mezclar máis augas a esta traída xeral, segundo o expediente.
Dito isto, o BNG de Sober quere resaltar que, desgraciadamente, os problemas ca auga en Sober non fixeron máis que comezar, xa que a decisión, para nós errada, por parte do goberno municipal de bombear auga desde o punto máis baixo do Concello (Canaval) cara a zonas máis altas vai supoñer nos vindeiros anos un encarecemento da factura da luz para o Concello. Entendemos que un Concello coma o de Sober non ten suficientes recursos e comprometémonos a apoiar ao goberno en todo o que sexa demandar financiamento para mellorar servizos da cidadanía pero non podemos deixar de resaltar que o PP leva gobernando en Sober toda a vida, cunha administración “amiga” durante 16 anos; a pesares diso o Concello de Sober ten pendentes a maioría de traídas e saneamentos dos pobos, infaestructuras básicas que deberían ser unha prioridade absoluta e deberían guiar unha política de austeridade nos orzamentos municipais (xa que, como ben di a Alcaldesa, estamos en tempos de crise) que elimine gastos superfluos coma os 1800 € que custou a instalación da árbore de nadal de botellas ou os 7000 € dun estudo sobre a viabilidade dun portal cidadán en Sober, entre outros.
Sobre as infraestructuras básicas, o Pleno do Concello de Sober acordou en novembro do ano pasado facer unha comisión das tres forzas políticas para definir as necesidades prioritarias de cada pobo e elaborar unha estratexia a seguir, comisión da que nunca máis se volveu falar xa que, para o PP de Sober os acordos plenarios non son máis cá papel mollado.

Sem comentários: