NON NOS VALE A TIBIEZA NA CONDENA DO FASCISMO

En canto á Moción para que se faga un RECOÑECEMENTO OFICIAL DA LEGALIDADE DEMOCRÁTICA DA CORPORACIÓN MUNICIPAL SOBERINA DO ANO 1936, CUIOS MEMBROS FORON ELIXIDOS DEMOCRATICAMENTE EN FEBREIRO E AFASTADOS DAS SÚAS FUNCIÓNS POLO GOLPE MILITAR DE XULLO, SENDO POSTERIORMENTE ASASINADOS E REPRESALIADOS DE DISTINTAS MANEIRAS POLA SÚA IDEOLOXÍA E ACTIVIDADE POLÍTICA; E XUNTO CON ELES, QUE SE RECORDE A TODAS AS VÍTIMAS DA REPRESIÓN EN SOBER, presentada polo BNG de Sober no Pleno Ordinario do Concello de Sober celebrado o 1 de outubro de 2008:

O PP de Sober abstívose (BNG e PSOE votaron a favor) alegando que recoñecer aos concelleiros e demais soberinos asasinados ou represaliados por causas políticas no 36 era discriminatorio con respecto ó resto de persoas que exerceran cargos públicos do Concello de Sober ó longo do século XX. Así, o PP propuxo unha Moción de urxencia nos seguintes términos:

- O Pleno do Concello de Sober recoñece a labor de todas aquelas persoas que exerceron cargos públicos no municipio.
- O Pleno de Sober condena calquera actitude discriminatoria para cargos públicos e sociedade en xeral, do grado que sexa, que se teña feito en función da ideoloxía.
- O Pleno do Concello de Sober propón o inicio dunha colección de retratos de todos aqueles que exerceron a súa función como alcalde do municipio no s. XX, como recoñecemento á súa labor e como fonte de memoria e coñecemento para as xeración presentes.

A moción do PP foi aprobada cos votos a favor do PP, a abstención do PSOE e o NON do BNG.

O BNG votou en contra da moción do PP por considerar que é desvirtuar totalmente o sentido simbólico e a, para nós, obriga moral que tiña a nosa moción. Non se trata de menosprezar ás persoas que exerceran cargos públicos no Concello ó longo do s. XX; que a nosa actual Democracia recoñeza a aqueles que diron ata a súa vida por ser demócratas non lle fai dano a ninguén, mais ben fainos dignos de chamarnos nós tamén demócratas. Debémoslles un recoñecemento explícito, non tibio e diluído nun recoñecemento xeral, a aqueles que foron torturados, asasinados e denostados polas súas ideas nun momento concreto do s. XX: o ano 1936, no que un golpe militar iniciou unha cruenta Guerra Civil (aínda que en Galicia non houbo fronte de guerra, senon unha auténtica masacre daqueles que se sinalaran a favor do réxime democrático da IIª República) que desembocou nun réxime fascista asentado sobre milleiros de mortos, exilados e encarcelados; na nosa moción tamén se incluía un recoñecemento a todos os que sufriron, sen excepción.
O BNG de Sober quere que a nosa Democracia, imperfecta, se sinta herdeira daquela Democracia da República, cas súas eivas; o BNG de Sober non entende como os concelleiros do PP da actual corporación municipal non poden condenar o sufrimento dos seus predecesores de 1936. As persoas do BNG de Sober queremos ser merecente de poder sentirnos compañeiros dos que morreron pola liberdade por iso non cesaremos no noso empeño de que a sociedade soberina compadeza o sufrimento e recoñeza o valor do sacrificio daqueles que hai máis de 70 anos morreron por ter conciencia social e loitar para transformar o mundo no que vivían en favor da maioría do pobo traballador.

2 comentários:

O Raposo disse...

¿Por qué o PP lles custa tanto condenar os actos do franquismo?
Eu sei a resposta. Eles tamén.

Anónimo disse...

Puxeron un autobus dende Sober para ir a Vigo o concerto no que se interpretaron as obras do alcalde que fuxiu a Cuba.Hipòcritas desleigados e descastados.