RECOÑECEMENTO DA CORPORACIÓN DO 36

MOCIÓN que presenta o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) diante do Pleno da Corporación Municipal do Concello de Sober para que se faga un RECOÑECEMENTO OFICIAL DA LEGALIDADE DEMOCRÁTICA DA CORPORACIÓN MUNICIPAL SOBERINA DO ANO 1936, CUIOS MEMBROS FORON ELIXIDOS DEMOCRATICAMENTE EN FEBREIRO E AFASTADOS DAS SÚAS FUNCIÓNS POLO GOLPE MILITAR DE XULLO, SENDO POSTERIORMENTE ASASINADOS E REPRESALIADOS DE DISTINTAS MANEIRAS POLA SÚA IDEOLOXÍA E ACTIVIDADE POLÍTICA; E XUNTO CON ELES, QUE SE RECORDE A TODAS AS VÍTIMAS DA REPRESIÓN EN SOBER.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A nosa democracia veu, á morte do dictador, dun pacto entre os sectores máis ou menos evolucionados do franquismo coa oposición do exilio e do interior. Coa perspectiva dos anos podemos estar relativamente satisfeitos do logrado visto dende o ámbito do posible mais, na chamada Transición, moitos aspectos quedaron silenciados para que algúns estamentos do réxime (o exército, entre eles), aceptaran o esperado cambio político, como asegurada quedou tamén a impunidade dos verdugos fronte ás arelas de xustiza das súas vítimas. Posiblemente fora un xeito de acadar, sen demasiados problemas, esta nosa democracia, imperfecta, pero máis ou menos equiparable á doutros países.
A cuestión é que, neste nada doado encaixe que supuxo a apertura cara un réxime de liberdades, ata poderíamos entender dende a xenerosidade necesaria da reconciliación de todos, que a xustiza tivera que fechar os ollos para volver abrilos pensando no porvir. Non entendemos, nembargantes, que encerrara os recordos, as conciencias, convertíndonos en amnésicos, esclavos, aínda, dos resabios ideolóxicos da Dictadura. Éralle mellor ao noso sistema político, sentirse herdeiro daquela democracia da República, asumir as súas virtudes, aprender das súas eivas, e non sentirse fillo dos interminables anos de totalitarismo esmagador.

Sober atopouse un día de xullo do ano 36 co fascismo enterrando a liberdade en fochas anónimas; pasando polas armas á democracia; convertindo en escoura da sociedade aos seus defensores porque, como din algúns, “estaban metidos en política”; a familia e os amigos condenados á vergoña e ó mutismo.

Dende o BNG de Sober reivindicamos a palabra, a luz, a dignidade dos que se mobilizaron para reclamarlle ao poder os seus dereitos; reivindicamos a Manuel Guitiérrez Fernández e aos concelleiros Daniel Álvarez Carnero e Edmundo Pérez Díaz, executados sumarialmente, ao concelleiro José Mantilla González, torturado e asasinado, a Arturo Castro López, morto no cárcere, ao alcalde Antonio Pérez García e a todos os concelleiros detidos, procesados ou expedientados; reivindicamos ós 356 soberinos encarcelados por causas políticas entre 1936 e 1940; reivindicamos aos que defenderon a legalidade, a tantos que morreron, ás familias obrigadas a renunciar aos seus coma se foran delincuentes, aos que arriscaron a vida por protexer aos seus veciños doutras ideas, ás “xentes do común” que sufriron a lousa da sinrazón e lles fixeron crer que os salvapatrias actuaban polo seu ben; reivindicamos tamén aos que, aínda sendo ideoloxicamente opostos, souberon estar á altura e agocharon e axudaron a escapar ós perseguidos polos asasinos; reivindicamos, en fin, á maioría social, aos obreiros, campesiñas, xornaleiros, mestras, pais, avoas, irmáns, que ansiaban facerse donos do seu destino fronte a todo tipo de opresión.

A memoria non quere a revancha. A memoria quere o coñecemento para, dende a verdade, contribuír a un mundo de homes e mulleres libres sen medos e sen mentiras; un mundo que devolva a dignidade aos que lles foi roubada. Non se trata de ir contra ninguén, senon a favor dos que sufriron, dos que tiveron que gardar para sí a anguria e a humillación durante demasiados anos.

Consecuentemente, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte.
ACORDO


1. O Pleno do Concello de Sober recoñece oficialmente a legalidade democrática da corporación elixida en febreiro de 1936.

2. O Pleno do Concello de Sober condena que os membros da corporación municipal soberina de 1936 fosen afastados das súas funcións polo Golpe Militar de xullo, e condena que fosen asasinados e represaliados de distintas maneiras pola súa ideoloxía e actividade política; con eles, faise tamén un recoñecemento público de todas as persoas de Sober que foron víctimas de represión.

En Sober, a 18 de setembro de 2008, 72 anos e 2 meses despois do golpe militar fascista que adentrou Galicia nunha .

6 comentários:

Anónimo disse...

Totalmente de acordo, quen esquece a súa historia está condenado a repetila.
Luís Rodríguez.

Anónimo disse...

Que saiban os habitantes da Carqueixa que se lles puxo a Raquel a traida da auga foi porque o aparellador municipal fixo alí a súa casa, senón seguirian sacando a auga do pozo; rostro ten pedirlles que lles cedesen o manancial o concello, fixeron ben en non facelo.

Anónimo disse...

Agora co que nos está caendo en riba, como pretende a Raquel manter a súa cohorte de vagos no concello? , eses que meteo a dedo (nepotismo chámase) a cargo de subvencións da Xunta, cos cartos de todos, despois din dos recortes que fafa Solbes ós concellos, que quedan descapitalizados, si os usa só para os seus amigos, para rentabilizalos politicamente, falo,
claro está dos que pululan no concello sin un claro cometido e que cobran a fin de mes un suculento soldo a costa de todos nós, os que pagamos impstos.

Anónimo disse...

me gustaria saber cuando tendran agua del deposito del ayuntamiento las aldeas de la carqueixa mer y froxan

Paula Verao disse...

Consultaremos o tema.

Paula Verao disse...

Segundo o Concello xa está a funcionar, só ten que conectala cada un dos veciños.