ALTERNATIVAS DO BNG ANTE Á CRISE

O Goberno do Estado continúa a eludir teimudamente o emprego da palabra crise para designar o que xa ameaza con se converter nunha profunda recesión económica. Esa resistencia do goberno español explícase porque o PSOE non quer asumir a responsabilidade política de ter concorrido ás pasadas eleccións xerais coa negación da crise como bandeira. Negación que era tanto como negar a evidencia. E explícase tamén porque admitir que estamos nunha crise levaría aparellada necesariamente unha reflexión crítica sobre as políticas económicas seguidas até o de agora, por ser estas en parte as causantes do cambio de ciclo na economía. O que o PSOE non quer facer baixo nengún conceito é mudar de política económica, unha política substancialmente continuista a respecto das directrices marcadas por Rodrigo Rato durante os 8 anos de Goberno Aznar.

O BNG si ten alternativas. O BNG si ten unha política económica substancialmente distinta da que preconizan as forzas políticas estatais, a mesma que está na orixe da crise actual.

O PSOE, como antes o PP, teñen practicado unha política orzamentaria e fiscal de carácter neoliberal, profundamente regresiva ao privilexiar a tributación indirecta sobre a directa (co cal no se cumpre o principio de que paguen máis os que máis gañan) e claramente antisocial ao traducirse na perda de posicións das rendas salariais fronte ás rendas do capital.

O Goberno do Estado, con Solbes ou con Rato como ministros de Economía, non tomou nengunha medida para previr o colapso da burbulla inmobiliaria e, polo contrario, teñen promovido un modelo de desenvolvimento baseado no ladrillo e non no investimento en actividades produtivas de alto valor engadido. A consecuencia é o maior déficit comercial do planeta, por enriba do dos Estados Unidos, e consecuentemente unha perda de competitividade da economía do Estado no mundo.

Fronte á crise, as medidas que agora propón o Goberno do Estado –400 euros, supresión do imposto do patrimonio, veladas ameazas de privatización das pensións públicas, incremento das tarifas eléctricas- son claramente contraproducentes. E sono porque, lonxe de ir á raíz da crise, pódena agravar ao reducir a capacidade de intervención do sector público na economía vía recortes fiscais e ao empobrecer aínda máis ás clases traballadoras, que son as principais vítimas do incremento dos prezos e do deterioro dos servizos públicos. Se hai dúbidas sobre o efecto que sobre as economías domésticas teñen as medidas adoptadas polo Goberno do Estado, pódese consultar o simulador da tarifa eléctrica que ten posto en marcha o Inega: http://www.inega.es/simulador_factura/simulador_luz.php.

Fronte á crise, o que cómpre é levantar un modelo alternativo. Un modelo que pase polo fortalecimento da política social e polo desenvolvimento de políticas públicas ambiciosas. Cómpre unha política orzamentaria expansiva que permita investir máis en educación, en I+D+I e na mellora dos servizos públicos.

Isto non é retórica. É posíbel facelo. É xusto o que está a facer o nacionalismo desde o Goberno galego, con programas como a construción de 45.000 vivendas protexidas no noso país, a posta en marcha dun concurso eólico autocentrado e con participación pública, o reforzo dos servizos públicos de calidade ou a mobilización de recursos produtivos que outros gobernos tiñan ociosos no agro galego através do Banco de Terras.

Ante a crise hai dúas respostas posíbeis. A escapista e irresponsábel dun Goberno do Estado que finxe non ver a realidade e que está a velas vir e a capear o temporal. E a responsábel, a do nacionalismo galego, consistente en apostar por unha economía produtiva e autocentrada desde a utilización de todos os recursos do sector público.

1 comentário:

Anónimo disse...

Libros no rentable El portavoz de cultura del PP de Galicia, Ignacio López Chávez, criticó duramente el pasado 3 de junio en una entrevista en Periodista Digital la presencia de su comunidad autónoma en la Feria Internacional del Libro de La Habana. Según el miembro del PP, “Galicia no obtuvo rentabilidad económica ninguna. No es una feria comercial”. Es un reflejo claro de su escala de valores. Supongo que él tampoco leerá si no logra tampoco rentabilidad económica. En realidad, según su criterio, la comunidad gallega debería cerrar todo lo que no tenga rentabilidad económica como los hospitales, los colegios o las carreteras que no sean de pago. Quizás una feria comercial con rentabilidad económica como la del rifle en Estados Unidos hubiera sido más de su gusto que una del libro en Cuba.

www.rebelion.org