Acordo unánime na Mesa do Leite para impulsar un contrato homologado para o sector lácteo
Os sectores produtor, industrial e cooperativo acordan traballar sobre o documento de referencia proposto pola Consellaría do Medio Rural, ao que farán achegas de índole técnica nos vindeiros días para ser sancionado definitivamente o vindeiro 22 de maio.
A Mesa do Leite vén de acordar por unanimidade impulsar a sinatura dun contrato homologado para o sector lácteo galego a partir do modelo tipo proposto pola Consellaría do Medio Rural, na súa labor de mediadora entre os diferentes axentes do sector. Despois da xuntanza celebrada esta tarde, os diferentes representantes do sector acordaron unha marxe de tempo para introducir diferentes achegas de índole técnica –concretamente ata o 16 de maio- , que a Consellaría do Medio Rural incorporará ao documento definitivo para a súa sanción na vindeira xuntanza da Mesa do Leite, que quedou fixada para o 22 de maio. Ante este acordo, o conselleiro do Medio Rural destacou que “estamos ante un paso histórico para o sector lácteo galego, o que permitirá traballar cunha perspectiva de medio e longo prazo, para articular o sector e regular as relacións entre produtores e industrias cun horizonte anual”.
Suárez Canal aproveitou para felicitar aos axentes que participaron na Mesa do Leite por acudir á xuntanza con altura de miras e sen circunscribirse á coxuntura concreta do momento. Lembrou, asimesmo, que unha vez se ratifique este acordo e se chegue a establecer un prezo de referencia, o sector contará cun horizonte estrutural no que se evitarán as situacións tan acusadas de subas e baixas de prezos que se viñan producindo ata o momento, o que evitará que se repitan contextos preocupantes como o actual para o elo máis débil da cadea como é o produtor. O conselleiro tamén avanzou que “este acordo, ademais de articular o sector lácteo galego tamén pode ser un mecanismo para articular o sector lácteo a outros niveis”.
* Entrevista a Suárez Canal sobre o contrato homologado (aquí).
Sem comentários:
Enviar um comentário