NO CONCELLO: OS VERTEDOIROS

O BNG de Sober presentou no Concello o 5 de Xullo a seguinte MOCIÓN:
ANTECEDENTES
Ó longo de todo o territorio do termo municipal de Sober aparecen acumulacións de lixo de diferente tamaño, composición e antigüidade; acumulacións de lixo situadas á beira de camiños, no monte, á beira dos ríos e regatos e outros lugares.
Estes vertedoiros, dos cales hai centos, contaminan o solo; podendo contaminar, segundo o tipo de residuos, ríos e regatos con productos tóxicos.
Ademáis, afean a paisaxe, sendo incompatible a existencia destes vertedoiros ca dimensión turística do Concello.
Por outra parte, os restos poden ser perigosos para sendeiristas, ciclistas ou nenos que xoguen nas súas inmediacións.
Por todo o anterior, realízase a seguinte MOCIÓN:
O Pleno do Concello de Sober acorda:
1. que se realice un inventario exhaustivo, por parroquias, dos vertedoiros existentes no Concello de Sober.
2. que se consulte con expertos en Medio Ambiente sobre a solución que se lle debe dar a cada vertedoiro.
3. que se proceda á recollida selectiva dos restos reciclables e ó selado dos vertedoiros segundo o ditame dos expertos.
A Moción foi incluída na orde do día do Pleno celebrado o 19 de Xullo de 2007, sendo defendida por Alfonso Campos.
A Alcaldesa-Presidenta respondeu que se fixeron moitos esforzos na concienciación, con campañas para separar o lixo e información sobre a recollida de grandes restos. Alegou que a Moción era irrealizable por cuestión de financiamento. Só en recollida de lixo do conainer verde se recaudan 1.600 € e se gastan 6.000 €. Polo tanto, a Alcaldesa-Presidenta cre que hai que seguir ca concienciación e, en todo caso, se o BNG entrega ó Concello o inventario de vertedoiros que ten feito, o Concello pode ir eliminándoos paulatinamente.
O voceiro do PSOE recoñeceu o valor da concienciación e aportou a idea de controlar os vertidos ilegais de lixo facendo partícipes ás parroquias na vixianza e na eliminación dos vertedoiros.
O BNG retira a moción e ofrece a súa colaboración para entregar ó Concello a localización de todos os vertedoiros que vaia localizando.
___

En todo caso, o BNG de Sober vai demostrar que con poucos medios (un GPS, unha cámara dixital) se pode sinalizar os vertedoiros.
Para selalos, evidentemente, o Concello precisa de financiación de outras administracións.
Recoñecendo o difícil que é concienciarnos a todos de que o lixo non se tira por aí, esto non é escusa para que o Concello non tivese realizado ningunha acción importante para acabar cos vertedoiros, de feito, cremos que o Concello e a maior parte dos veciños (nos que nos incluimos) non somos conscientes da magnitude do problema: a pouco que te alexes dos camiños aparecen montóns de lixo.
O BNG seguirá sinalizando os puntos con vertedoiros, colaborará co Concello entregándolle esta catalogación e fará campañas de sensibilización sobre o problema.

1 comentário:

Paula Verao disse...

E a semana que ven informaremos sobre:

- Pleno de Organización (dietas, subvencións a grupos políticos, reparto de concellalías...).
- Pleno de Xullo, no que se tratou o PXOM e os Orzamentos do Concello.

E colgaremos fotos curiosas dos vertedoiros de Sober.