FOTOS DA VISITA ÓS PETROGLIFOS


A ruta do día 21 foi un éxito.
Acudiu moita xente de Sober e de fóra e coñecimos tres posibilidades de rutas por Sober, 4 puntos de petroglifos (coviñas do Monte do Cura en Millán, petroglifos do Xestal I e II en Proendos, petroglifo do Barcal), a Pena de Santa Polonia, a Igrexa Románica de Proendos cas pinturas murais do Renacemento, o pobo de Proendos, cargado de elementos castrexo-romanos e a zona de Cadeiras, co miradoiro e a Pena da Virxe, onde había petroglifos.
A visita contribuímos a poñer en valor e divulgar un importantísimo patrimonio, os Petroglifos, non patrocinado como se merece. A este respecto, uns escoceses que casualmente visitaban Sober o 21 (pois viñeron a Galicia para ver distintos concellos con petroglifos) contáronnos que en Escocia os petroglifos están perfectamente sinalizados e que, esa mesma mañá, non conseguiran atopar por Sober ningún punto de petroglifos malia axudarse dos folletos turísticos.
Así, a visita tamén serviu para denunciar o abandono das rutas de sendeirismo (o Alfonso, que desbrozara el mesmo o camiño, inundado de xestas, para unha visita similar realizada en Abril polos Amigos do Patrimonio de Lemos, comprobou que desta volta só tivo que rozar un pouco as herbas, co cal demostrou que, simplemente con desbrozar os camiños unha vez ó mes, as rutas poden estar limpas).
A visita serviu para achegarse ás distintas teorías sobre o significado dos petroglifos e para comprobar que as lendas dos mouros e encantos son verdade.
Serviu tamén, para demostrar que este tipo de visitas atraen a xente ó noso Concello, o cal debería ser desde hai tempo unha fonte de riqueza.
Finalmente, serviu tamén para coñecermonos. Sí, para coñecer a herdanza dos nosos antepasados, de hai 5.000 anos, que pervive en nós ata hoxe, pois, por exemplo seguimos indo a Cadeiras de romería; e imos precisamente a Cadeiras, e adoramos unha virxe que se di que naceu nunha pena que para os nosos antepasados xa era sagrada ou un fito no territorio.
Foi interesante tamén, contar con varios amigos de outros países do eixo atlántico na viaxe, pois eles tamén teñen petroglifos no seu solo; artes que saíron de Galicia cara o Norte, vía Atlántico, en forma xeométrica (motivos máis antigos) e voltaron con representacións figurativas (cervos, cabalos...), máis tardías, que singularizan os petroglifos galegos.
Unha experiencia para repetir con outra temática: ¿que vos parecen os castros?

* Lembrade que en www.ribeiraos.blogspot.com podedes ler e ver as fotos do traballiño sobre os petroglifos que entregamos ós participantes na visita.

1 comentário:

Anónimo disse...

Non puiden ir, pero entereime por outros medios, ademáis de por vós, de que foron moitas persoas, un éxito para vós e sobre todo para a nosa cultura.
Unha forte aperta.