UNIDADE CONTRA O FASCISMO DA ETA

Quintana pide que Zapatero convoque a todas as forzas políticas parlamentarias para buscar un acordo unitario contra ETA
Agarda que ninguén teña “a intención de sacar rédito partidario e partidista dunha situación tan lamentábel coma esta”
Anxo Quintana solicitou, en nome do BNG, que o presidente do goberno estatal, Jose Luís Rodríguez Zapatero, “convoque a todas as forzas políticas do arco parlamentar, fundamentalmente para fraguar un acordo de unidade de todos os demócratas” ante a ruptura do alto ao fogo de ETA.
O máximo dirixente do BNG afirmou que “este é un momento para a unidade”, e que este pacto de todas as forzas políticas con representación no Congreso debe servir, en primeiro lugar “para que ETA saiba que non vai conseguir nada pola vía da violencia” e en segundo lugar, “para que ninguén teña a intención de sacar rédito partidario e partidista dunha situación tan lamentábel coma esta”.
Rexeitar a violencia
Quintana afirmou que “resulta inaudito que en pleno século XXI haxa xente que pretenda impor as súas propostas pola vía da violencia, unha vía que non leva a ningunha parte e que toda a sociedade, do Estado e especialmente a galega, rexeita con toda contundencia”.
Acusou, así mesmo, á organización terrorista ETA de pretender “marcar a axenda política e suplantar o diálogo polas armas”.
Apoio ao goberno
O portavoz nacional do BNG lembrou que esta organización apoiou ao goberno para “explorar todas as vías de diálogo que lle permitisen buscar a fin da violencia”, e expresou agora “a total disposición do BNG para construír unha unidade real de todos os demócratas para que ETA desapareza das nosas vidas”.

12 comentários:

Raposo disse...

Agora so fai falta convencer a Rajoy e o resto desa panda de impresentables que goberna o PP, que a oposición faise doutro xeito e non usando o terrorismo como cabalo de batalla.
Rajoy e os seus son ruins e teimudos asi que dubido que entendan esto e que rectifiquen.
Unha aperta.

Anónimo disse...

Xa.
Van estar co tema hasta as eleccións xerais.
O que máis preocupa é que suba a intención de voto do PP por que a Eta rompa a tregua, como se o PP fose o garante do Estado de Dereito e paladín da liberdade (lembremos que o PP aposta por reducir liberdades civís ante o Terrorismo).
¿Acaso a Xustiza deixou de actuar durante este tempo? Precisamente se produciron nestes 3 anos algunhas dos golpes contra a Eta máis importantes.
¿Acaso é culpa do Goberno que a Eta rompese a tregua, con todos os erros que poidese ter cometido o Goberno?
¿Acaso o Goberno de Aznar non intentou negociar ca Eta e todos os partidos apoiaron a decisión, a pesar de haber un Pacto que equiparaba Terrorismo con Nacionalismo? O intento de Aznar fracasou e a Oposición foi leal con el.
O PP de Madrid está situado no monte (con todos os respetos para o monte): non renuncia ó voto da ultradereita española, pero a ultradereita é unha acompañante indesexable e perigosa.
Sería bo para a consolidación da Democracia no Estado Español que este PP perdese as eleccións xerais e que saíse unha dereita democrática que xa está no PP; e se ten que aparecer un partido de ultradereita coma no resto de países europeos, pois así saberíamos onde está cada quen.
En que o PP non chegue ó Goberno do Estado teñen moito que ver Coalición Canaria e CIU (entendo que o PNV non se suicidaría políticamente apoiando a este PP), e sería un erro histórico pola súa parte, pois que Rajoy, Acebes and company accedan á Moncloa significará un retroceso no proceso, inda inmaduro, da consolidación da Democracia.

Xaco disse...

Eu igual son un mal pensado, pero da a impresión de que o PP ten algún tipo de acordo tácito coa banda terroista ETA. E digo tal porque é moi oportuno para os fins da política tremendista do PP que ETA rompa a tregua e siga ameazando ao Estado, mentres que é se cadra mais útil para ETA que exista un partido político que alimente as súas ideas fanáticas do emprego das armas en troques das plumas.

E no medio os demócratas (non vou distinguir cores nen visións do País), que non podemos mais que intentar reaccionar con integridade e protexendo a nosa liberdade de nos expresar, así coma de defender tal dereito, pero sempre desde a educación, o raciocinio e os medios dos que nos aporta esa palabra tan infravalorada chamada democracia

Anónimo disse...

Só dicir que é unha pena que as vías do diálogo fosen dinamitadas e tamén citar a vegoña que sinto cando escoito aos impresentables do PP(sabedes quen son) empregar o terrorismo como medio de desgaste político.
Ás armas nen conduciron nen conduciran a nada e só co consenso de todos os partidos se lograra a paz.
Un saúde dende as encantadas terras de Sober

Anónimo disse...

manda carallo co benejé, de apoiar abertamente a batasuna a lavarse as mans indo cara o autonomismo. Unha vergonza!!! Unha puta vergonza como venderon a todo o nacionalismo galego desde os oitenta para aqui. vergonha vos deberia dar entra ainda porriba no xogo barato do espanholimo....

Anónimo disse...

Eu milito no BNG desde Xuño do ano pasado.
E os de Eta sempre me pareceron uns fascistas.

Anónimo disse...

agora mirades só un lado da balanza, vaia por deus ou alá. antes tinhades mais vista para estas historias, porque do outro lado hai xente que esta sendo torturada e leva practicandosse a tortura desde fai moitos anos. o conflito basco non é cuestion de que uns son uns fascistas e outros uns anxos. e un conflito político arraigado durante moitos anos e no que o estado non cede nada para solucionalo, pois como queria negociar ZP? dicindolle q se renderan? eso é negociar? nunha negociacion hai achegamentos non peticions de rendicion incondicional. neste caso eta é un interlocurtor lexitimo porq ilegalizaron a esquerda abertzale a cal representaba o 20 % dos votantes e non sabemos dos que non votan, ad+ eta ten lexitimidade polo tempo que leva aí e porque a transicion foi unha basura. Eso sabeno ata os do PNV. e vos declaradesvos nacionalistas??? e o que é mais de risa: declaradesvos de esquerda apoiando o que dicides apoiar? a un ZP que queria comprar ouro a prezo de merda. vos non sodes nacionalistas porque non vos importa nada a nacion, só o poder e agora estades nun momento doce, foi o final un cambio duns por outros. Vos non sodes nacionalistas porque ser nacionalista e querer a autodeterminacion=independencia. podedes darlle as voltas que queirades os termos, pero nunca seredes nacionalistas mentres non aceptedes isto e loitedes por isto.

Anónimo disse...

Non se trata de simplificar a situación do País Vasco; e estou de acordo con que a chamada Transición deixou moito que desexar (sobre todo en canto que o poder financieiro seguía e segue a ser o mesmo); tamén estou de acordo que ese 20% do electorado ten que ter cabida dentro do sistema político (esa é a esencia da Democracia, que todo o mundo poida manifestar a súa opinión) pero aceptando as reglas de xogo.
Nunha negociación, é certo, non nos vamos a enganar, hai que falar sobre todo de política penitenciaria.
Pero, no País Vasco, a esquerda real (desde logo non a cúpula do partido "socialista" de ZP) ten que estar do lado de quenes sofren acoso, extorsión ou asasinato por defender as súas ideas; ten que estar cos concelleiros de pobos pequenos (onde todo o mundo se coñece) que viven nun acoso constante.
É certo, houbo durante os anos da Dictdura e da Transición unha situación de guerra entre uns torturadores asasinos (forzas de "seguridade" do Estado fascista) e outros; e houbo hasta os 80 unha parte da Eta ca que se debía negociar. E debemos ter en conta se sempre houbo -e hai- xente que non sabe ou non pode abandonar a Eta ou o seu entorno por medo, e debemos amparalos. Pero, dame a sensación de que os mandamáis que quedan na Eta son os máis sanguinarios de sempre e descerebrados recrutados de novo.
Por outra parte, non podemos opinar sobre un lugar que non coñecemos; e seguro que moitos simpatizantes da esquerda abertzale son xente normal; ou, polo menos, coma algunha xente de aquí - entre alguén que amenaza a outro para que apoie á Eta e alguén que non duda en levar a enfermos terminais a votar hai unha liña moi fina-.
É unha situación complicada, pero non teño duda de que a Eta representa o fascismo e se semella moito á Ultradereita española, herdeira de 40 anos de represión: ambos ultranacionalistas que cren que as súas ideas son a Verdade e hai que defendelas ca violencia.
O BNG no que eu milito non ten nada que ver con iso.

Anónimo disse...

Se só nos importase o poder, en Sober está claro que nos confundimos de partido!!!

Anónimo disse...

Este rapas tan airado confundíuse de blog.

Anónimo disse...

"e aínda así, movese."

Paula Verao disse...

Artigo de opinión de Carlos Aymerich sobre a ruptura de tregua de ETA

Santiago de Compostela, 14 Xuño 07.-Velaquí ofrecémosvos un artigo de opinión do portavoz parlamentar do BNG, Carlos Aymerich sobre ETA.

LÓXICAS MILITARES

ETA vén de declarar o fin da tregua que anunciara o 22 de Marzo de 2006. Mal se coñeceu o anuncio, xa inzan as especulacións mediáticas acerca do onde, do como e do cando do próximo atentado. Alimentando, como se tal fose preciso, a lóxica militar que guía as actuacións da organización terrorista.

É certo: ETA xa rompera a tregua co atentado da T-4. Mais é certo tamén que houbo quen fixo do fracaso do proceso de paz un obxectivo político no que se cifraron todas as expectativas -neste momento elevadas- de voltar ao goberno español. Si, o PP actuou tamén con lóxica militar ao exixir a “derrota” de ETA através da aplicación dun “Estado de Dereito” que, na súa idea, é compatíbel con alteracións xurídicas como a lei de partidos. Máis que Estado de Dereito, razón de Estado ou, por mellor dicer, razón de partido.

Porén, o que realmente preocupa é a aparente cesión do PSOE a esta chantaxe do PP. Unha chantaxe que non vai ter fin até as eleccións xerais e que xa comeza a producir resultados concretos: pactos entre PP e PSOE en Nafarroa e, con toda probabilidade, tamén en Euscadi, para impedir o acceso ao poder do nacionalismo, do PNV ou de Nafarroa-Bai.

E a cousa non vai ficar aí. Porque o PP é insaciábel. Voltará o PSOE a facer profesión de españolismo, a endurecer a política de seguranza, a recurtar liberdades? Asistiremos outravolta a pactos bipartidistas que, coa excusa da luita contra o terrorismo, tenten criminalizar o nacionalismo galego, basco e catalán? É probábel. Mais o PSOE e Zapatero non deberían esquecer que non foi o PP quen o investíu presidente nin tampouco quen lle deu o aval para iniciar un proceso de paz baseado no diálogo e na negociación. E é por tanto a estas outras organizacións, o BNG entre elas, ás que habería que informar en primeiro lugar dos planos gobernamentais perante a nova situación, sen os relegar frente a un PP crescido que ve no recuar do PSOE a confirmación das súas teses máis radicais.

Na noite do 27 de Maio, valorando os resultados das eleccións celebradas nese día, o Secretario de Organización do PSOE dicía que, “exceptuando Madrid”, fora o seu partido o gañador dos comicios. É un xeito de velo. En calquer caso, postos a facer excepcións mellor faría o PSOE en non sucumbir ao afogante clima capitalino á hora de formular as súas políticas, e apoiarse na maioría plural que sustentou o seu goberno todo ao longo da lexislatura. Non vaia ser que na seguinte noite electoral, cando o Sr. Blanco queira facer outravolta abstración de Madrid na leitura dos resultados, sexa xa tarde de máis.