CONSERVACIÓN PATRIMONIO ETNOGRÁFICO

CULTURA DESTINA POR PRIMEIRA VEZ AXUDAS Á CONSERVACIÓN
E RESTAURACIÓN DO PATRIMONIO ETNOGRÁFICO GALEGO

A Dirección Xeral de Patrimonio dispón unha partida de 300.000 euros para os propietarios dos bens inmobles inventariados
O prazo de presentación das solicitudes comeza mañá ata o vindeiro 11 de xullo
1 de xuño de 2007.- A Consellaría de Cultura, a través da Dirección Xeral de Patrimonio, vén de convocar por primeira vez unhas axudas destinadas á conservación e restauración dos bens etnográficos galegos. O departamento nacionalista, que realizará unha achega de 300.000 euros, contribúe con esta convocatoria á campaña de concienciación social sobre o patrimonio que está a levar a cabo.
Co obxectivo de protexer, conservar e difundir o legado patrimonial do país o departamento que dirixe Felipe Arias ofrece 300.000 euros entre os propietarios de bens inmobles do patrimonio etnográfico inventariado en Galiza. Neste eido destacan os hórreos, cabazos, piornos, celeiros, cruceiros, petos de ánimas, palleiras, alpendres, pallozas, muíños, fontes, lavadoiros, fornos, pombais e outros elementos que corren grave perigo.
A Dirección Xeral de Patrimonio distingue nestas axudas entre as obras de conservación dirixidas ao mantemento do inmoble como reparacións puntuais, limpezas ou substitución de materiais danados e que contan cuns 3.000 euros por obra como máximo; e as obras de restauración destinadas á mellora da imaxe que buscan recuperar o carácter orixinal do inmoble e ás que se destinan 10.000 euros por petición.
O prazo de presentación da solicitudes comezará mañá, tras ser publicado hoxe no DOG (1-Xullo), e permanecerá aberto ata o vindeiro 11 de xullo.

Sem comentários: