SOBRE O TEMA DA CONFERENCIA DE BEIRAS

¿Por que lle propuxemos a Xosé Manuel Beiras Torrado este tema de título enrevesado: o longo e inacabado camiño da Democracia en Galicia e o papel do nacionalismo galego neste proceso? ¿Por que precisamente en Sober, onde nin chegou a Transición, queremos que se fale dun proceso de democratización calificado de longo? ¿Que tén que ver Sober co devir histórico da creación dunha Democracia no Estado español, inda imperfecta? "¿Non poderíades pedirlle a Beiras que falase de Economía e da vixencia do seu traballo O atraso económico de Galiza máis de 30 anos despois?" - dirán algúns-. Evidentemente pensamos na Economía, pero se nos decidimos polo tema de Democracia foi por 3 razóns fundamentais:
1. A historia recente de Sober: sindicalismo obreiro e agrario na preguerra, conciencia política durante a IIª República e brutal represión fascista.
Durante a IIª República foron Monforte e Sober (e o Sur de Lugo en xeral) núcleos de gran actividade sindical, tanto obreira (vinculada sobre todo ó camiño de ferro Zamora-Ourense) coma agraria. Eran hexemónicos o PSOE e a UGT.
Nas eleccións de Febreiro do 1.936 gañou a Fronte Popular por maioría absoluta no noso Concello, entrando a formar parte da Xestora Local xentes humildes (labradores e xornaleiros).
Tralo alzamento, en Sober e Monforte fórmanse milicias armadas, algúns de cuxos membros se deslocan a Lugo canda a partida organizada en Monforte polo alcalde Tizón, e resístese en principio o envite dos falanxistas, que precisaron reforzos para tomar a capital do Concello.
A represión neste municipio foi esaxeradamente dura, as cifras dos detidos son moi altas; en porcentaxe, das máis elevadas de Galicia.
Hai, oficialmente, 5 executados en consello de guerra:
- Manuel Gutiérrez Fernández (industrial).
- Daniel Álvarez Carnero (empregado) e Edmundo Pérez Díaz (ferroviario), concelleiros do PSOE que organizaron partidas armadas.
- Antonio Iglesias Franco (zapateiro) e Pedro González Castro (industrial), frontepopulistas que participaron na expedición a Lugo.
Consta nos arquivos 1 víctima de paseo:
- José González Mantilla (labrego), concelleiro da Fronte Popular.
Faleceu na cadea por causa do maltrato o xornaleiro e dirixente da UGT Arturo Castro López.
O alcalde, Antonio Pérez García, “Rey”, do Partido Republicano Galleguista, foi condenado a prisión, mais fuxiu a Cuba.
Polos testemuños orais coñecemos varias mortes máis, e sabemos da brutalidade dos asasinatos, e da intención de causar terror: “Ó Mantilla arrincáronlle as unllas de pés e mans antes de matalo.” “A un home que foi morto na ribeira de Bolmente, paseárono nunha escada polo pobo, co coitelo cravado no peito e as concas dos ollos baleiras”. Tamén coñecemos como os falanxistas rexistraban os domicilios, extorsionando a familiares e veciños para que confesasen onde se agochaban os perseguidos, e roubando “hasta as patacas”.
Tamén hai que facer referencia á xente, algunha de dereitas, que renegaba dos asasinos, que agachou, salvou e axudou a escapar a moitas persoas.
Os nosos avós séguenos contando con medo o que viviron naqueles días de Xullo, e poucos sinalan abertamente ós asasinos e represores.
En xeral, a percepción da cidadanía é que todo aquilo foi unha barbarie.
2. O Sober actual: a memoria denostada, persistencia do caciquismo decimonónico, ausencia dun mínimo espíritu democrático.
3. Restituir a dignidade dos represaliados e construir un futuro mellor gracias á memoria.
O BNG de Sober estamos a traballar na recuperación dos testemuños orais e outras fontes (fotos, cartas…) e na recopilación de todo o publicado ata o de agora sobre a IIª República e a Represión fascista no noso municipio. Posteriormente, poremos toda esta información en orde.
Por outra parte, traballamos no plano da divulgación deste pasado recente de Sober. Unha das iniciativas neste senso é a publicación periódica de artigos coma este.
Ademáis, tamén celebraremos actos públicos sobre o tema. Precisamente, a próxima conferencia de Beiras é o primeiro acto onde se falará publicamente en Sober da Represión: dos oprimidos, dos exiliados, dos asasinados… e dos asasinos; o primeiro acto onde se reinvindicará a memoria dos que defenderon, mesmo pagando coa vida, a lexitimidade dun sistema democrático, a IIª República; o primeiro acto onde se enlazará o actual sistema democrático imperfecto, co réxime fascista do que procede e co réxime democrático que debería reivindicar.
E tiveron que pasar 71 anos.
FONTES:
- Mª JESÚS SOUTO BLANCO: La Represión franquista en la Provincia de Lugo (1936-1940). Ediciós do Castro. 1998.
- Testemuños orais de xente de Sober.
IMAXES:
Grabados de Castelao do album Galiza mártir: Castigo menor e Así aprenderán a non ter ideas.

Sem comentários: