APOIO AO PLAN INDUSTRIAL PARA O ESTALEIRO DE FENE
Os grupos municipais do BNG presentaremos mocións de apoio ao Plano da Consellaría de Innovación e Industria para ceder os activos en desuso do estaleiro Navantia Fene á iniciativa privada e facilitar a creación de aproximadamente 3.000 postos de traballo na comarca de Ferrolterra.
Nós non temos voceiro no Concello, pero presentaremos o modelo de moción a modo de proposta.
É a que segue:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
No ano 1972 Astano era un estaleiro privado con capacidade para 350.000 Tm de aceiro
e un plantel de 6.000 traballadores/as.
No ano 1984 o estaleiro Astano de Fene utilizouse como moeda de cambio en Bruxelas
para iniciar a reconversión naval do Estado español e facer posíbel as axudas públicas ao sector
dos estaleiros públicos civís do Estado.
Posteriormente, no ano 1987 prohibíuselle a construción de buques, adicándose o
estaleiro á fabricación de plataformas off-shore. A prohibición sobre a construción de buques
reiterouse co Plano Estratéxico de Competitividade (PEC), elaborado polo PSOE no ano 1994 e
aprobado polo PP no 1997.
O Goberno podía solicitar o levantamento do veto no 2002.
Logo da catástrofe do Prestige, o Consello de Ministros celebrado en xaneiro de 2003 na
Coruña, acordou solicitar da Comisión Europea que erguese as restricións á construción de
buques á empresa denominada daquela Izar-Fene. Porén, dende agosto de 2003, despois da
entrega da plataforma encargada pola empresa Statoil, as gradas de Fene están valeiras e sen
carga de traballo propia.
Por último, o 16 de decembro de 2004 asinouse o acordo entre a SEPI e os sindicatos
estatais onde Izar Fene se integra en Navantia e no punto 4º se limita a actividade civil durante
10 anos. Asemade, a SEPI, propietaria de Navantia comprometeuse a presentar un plan
industrial para a comarca de Ferrolterra, algo que a data de hoxe aínda non fixo.
Por mor deste acordo producíronse 1.400 prexubilacións en Ferrol e Fene, e Navantia
Fene quedou con 360 traballadores/as moitos/as deles/as transladados a Ferrol. Deste xeito
Fene, con 800.000 metros cadrados, convértese nunha compañía auxiliar de Ferrol e non nun
auténtico estaleiro, que está a realizar bloques para buques militares da antiga Bazán.
No mes de novembro de 2005 a Consellaría de Innovación e Industria, ante a falla
evidente de ocupación plena do estaleiro de Fene, propuxo ao presidente da SEPI a constitución
dunha comisión para a reindustrialización de Ferrol, proposta que este aceptóu.
O 5 de xullo de 2006 constituíuse a comisión formando parte dela as asociacións de
empresarios/as da comarca e os tres sindicatos maioritarios. A SEPI decidíu non formar parte da comisión.
O 25 de setembro de 2006 a consellaría convocou unha xuntanza desa comisión, á que
a SEPI decide non asistir, e entrega aos axentes sociais un plan de viabilidade para o
desenvolvemento da industria naval na ría de Ferrol, un documento aberto ás achegas dos
axentes sociais, e que debía concretarse nun plan industrial concreto.
En xaneiro deste ano a Consellaría de Innovación e Industria, no marco da Comisión
creada a requerimento da mesma, presentou o Plan Industrial para o Estaleiro de Fene, baseado na desafectación de activos ociosos que hoxe existen en Navantia Fene, para poder construír
buques civís e crear 250 postos de traballo directos e case 3.000 indirectos nun novo estaleiro. O promotor industrial desta iniciativa é a empresa Hijos de J.Barreras, e o finanzamento correría por conta de Caixanova e Caixa Galicia, co cal se demostra que se trata dun proxecto sólido e solvente.
En calquera caso, a adxudicación de activos ociosos de Navantia ha de facerse
mediante concurso público cos principios de competencia, publicidade e transparencia, pero
queda demostrado que existe interese e proxectos serios para construír barcos en Fene.
Ante a consideración de que o sector naval é estratéxico non só en Ferrolterra, senón
para o futuro de Galiza, o Goberno Galego e o Parlamento teñen reiterado nas últimas semanas
o apoio unánime a este Plan.
É polo que solicitamos do Pleno deste concello a adopción dos seguintes
ACORDOS:
1. Comunicarlle á Presidencia e Vicepresidencia da Xunta de Galiza o apoio do Pleno
da Corporación Municipal ao Plan Industrial para o Estaleiro de Fene.
2. Instar á Presidencia do Goberno do Estado a
· Adoptar as medidas precisas que permitan que parte dos activos que no pasado
perteñeceron a Astano en Fene poidan ser desafectados pola SEPI e dedicados á
construción naval convencional no ámbito civil.
· Garantir a plena carga de traballo na factoría de Navantia Fene.
· Presentar de contado o Plan Industrial para Ferrol previsto nos acordos de 16 de
decembro de 2004.
· Que a SEPI, no suposto de que se adopte algún acordo que poida afectar aos/ás
traballadores/as de Navantia Fene, garanta sempre que o actual persoal do
estaleiro poderá optar por continuar dentro do sector público.
· Que a SEPI inicie coa Xunta de Galiza o deseño e impulso de novos proxectos de
reindustrialización na comarca de Ferrolterra.
- Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2007 -
Para saber máis:
http://www.bng-galiza.org/servlet/ContentServer?pagename=R&c=Articulo&cid=1169499265963&idm=Galego
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário