CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA: IMPULSO DA SOCIEDADE DA INFORMACIÓN. AS NOVAS TECNOLOXÍAS EN SOBER.

A Consellería de Innovación e Industria, dirixida por Fernando Blanco, está apostando pola extensión a todos os lugares de Galicia e toda a poboación das novas tecnoloxías da información, a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, dirixida por Mª Elena Veiguela.
· O PROGRAMA DE EXTENSIÓN DA BANDA LARGA LEVOU ESTA TECNOLOXÍA A MÁIS DE 1.600 NÚCLEOS DE POBOACIÓN EN GALIZA
O Programa de Extensión da Banda Larga promovido polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e en cuxo seguimento participa a Consellaría de Innovación e Industria levou esta tecnoloxía a 1.638 núcleos de poboación (0 36% dos previstos) en Galiza desde o seu arranque ata o pasado 19 de xaneiro, con 1.014.697 cidadáns galegos atendidos polo programa, o que representa o 83,48% dos previstos.
Inicialmente a data de finalización do programa era outubro de 2008, pero os operadores beneficiarios das axudas (Telefónica España, no caso do noso país) comprometéronse a petición das CC.AA. a finalizar o despregue antes do final deste ano, achegando o servizo en Galiza a 3.063 novos núcleos de poboación.
· OS CONCELLOS MÁIS PEQUENOS TERÁN A AXUDA DA XUNTA PARA EXPLOTAR A ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA
O Plan Estratéxico Galego para a Sociedade da Información elaborado pola Consellaría de Innovación e Industria persegue que os concellos participen na sociedade da información.
Lograr que o 90% dos concellos usen activamente as ferramentas da sociedade da información nos próximos anos. En especial, búscase que os municipios máis pequenos teñan recursos dabondo para ofrecer servizos de electrónicos aos seus cidadáns, evitando así calquera discriminación por motivo de residencia nun ou noutro concello. A formación dos funcionarios e a renovación dos equipos informáticos son dúas das claves.
As medidas para impulsar a administración máis próxima ao cidadán están recollidas na liña de actuación "Modernización da Administración Local". O texto recoñece que o 80% dos concellos se atopan lonxe dos principais indicadores de uso de das TIC que teñen as cidades, debido principalmente á insuficiencia de recursos. E é que, segundo datos recollidos no traballo de campo do PEGSI, só un de cada tres concellos de menos de 1.000 habitantes ten páxina web.
Neste senso, a Consellaría de Innovación e Industria vén de conceder unha serie de axudas destinadas a fomentar a presenza dos concellos da comunidade autónoma na Sociedade da Información. Con estas medidas preténdese conseguir un investimento total de aproximadamente 2,1 millóns de euros, dos cales Innovación e Industria subvenciona a cada concello até o 75% do seu gasto, o que supón un desembolso total de 1,6 millóns de euros aproximadamente. Con esta actuación lograrase que o 90% dos concellos galegos xa participen na Sociedade da Información.
O Plan Estratéxico Galego para a Sociedade da Información prevé varias das medidas para a renovación e dotación de estruturas informáticas fixas nos concellos, a dotación de equipos informáticos e a informatización de procedementos administrativos.
Ademais de infraestruturas, a través do plano porase en marcha un programa formativo específico para a administración local en novas tecnoloxías e implantación de métodos de calidade. Trátase de que os traballadores públicos dispoñan dos coñecementos necesarios para explotar as novas aplicacións.
· A CONSELLARÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA PON EN MARCHA A REDE DE DINAMIZADORES DA SOCIEDADE DA INFORMACIÓN
A Rede de dinamizadores da Sociedade da Información, actuación pioneira en Galiza que a consellaría botou a andar a principios de 2006 e que actualmente se enmarca no Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información 2007-2010, desenvolvido por Innovación e Industria e aprobado polo Consello da Xunta o pasado mércores, 10 de xaneiro.
Concellos, asociacións culturais e de empresarios, e centros de desenvolvemento comarcal porán a disposición de Innovación e Industria os recursos necesarios para a formación práctica dos bolseiros dinamizadores, promoverán a participación de persoal da súa organización nas actividades do proxecto e facilitarán a promoción e divulgación dos servizos e contidos relacionados co mesmo. De igual modo comprométense, á finalización do período de formación práctica do bolseiro ou bolseira, no caso de que esta sexa satisfactoria, á súa contratación durante un tempo non inferior a un ano con cargo aos seus orzamentos.
Así, Innovación e Industria da inicio á segunda fase formativa de dinamizadores da Sociedade de Información, unha iniciativa que xurde ao inicio da presente lexislatura, cando se constata a existencia en Galiza dunha importante dotación de aulas con infraestrutura suficiente para a realización de actividades relacionadas coa Sociedade da Información e que en boa parte dos casos están sendo infrautilizadas por non existiren profesionais dedicados a dinamizar o seu uso.
AS NOVAS TECNOLOXÍAS EN SOBER
A páxina web oficial do Concello de Sober (www.concellodesober.com), no marco do citado Plan Estratéxico Galego para a Sociedade da Información, recibe axuda de Innovación e Industria.
Detectamos carencias na información que ofrece a páxina:
- A sección de Historia é moi incompleta: só se fala da Prehistoira (con erros) e da Idade do Bronce.
- Na sección Patrimonio histórico-artístico non se inclúe ningunha fotografía dos petroglifos e só se comenta o dos Cótaros; non aparecen fotos de mámoas nin de castros; só se fala de 3 igrexas e da capela dos Anxos, e falta apoio fotográfico para as explicacións. Faltan as pinturas murais da Igrexa de Proendos, as Casas Grandes, a arquitectura tradicional... Xa comentamos que a Concellalía de Cultura (que non existe como tal) tén que coidar este aspecto na páxina oficial do Concello, pois é referencia para potenciais visitantes de Sober.
- Falta un plano do Concello e a súa situación no mapa.
- Non se informa da composición da corporación municipal, e a sección Normativa municipal está en actualización.
- A sección Turismo, unha das máis importantes, está en actualización.
- No apartado Turismo Natural aparecen escasas fotos (20) e moi repetitivas: 2 da Pena do Castelo, 6 do entorno dos Chancís, 2 da Residencia (¿Turismo Natural?); 1 da praza e 1 do parque de Sober e o resto dos Canóns do Sil. Bótase en falta a fermosa ribeira do Cabe, monumentos naturais coma o Souto do Tellada, unha boa fotografía dos muíños do Xabrega, paisaxes penedíos da ribeira de Bolmente, Cadeiras, pobos con encanto coma Barantes ou Portizó...
-Na sección Oleiría de Gundivós non se indican os domicilios do oleiros.
O CONCELLO REXEITOU PARTICIPAR NA REDE DE DINAMIZADORES DA SOCIEDADE DA INFORMACIÓN
Así, perdeuse a oportunidade de contar cunha persoa que atendese o correcto funcionamento do Telecentro e levase a cabo iniciativas no ámbito das novas tecnoloxías. Ademáis, o Concello só tería que contratar por un prazo mínimo dun ano a dita persoa, se o seu traballo é satisfactorio, co cal se perdeu tamén a posibilidade dun posto de traballo útil e necesario (infrautilización dos ordenadores, múltiples averías...) que ben podería ser ocupado por algunha persoa de Sober.

Sem comentários: