COMENTARIOS ÓS COMENTARIOS

Vaia, parece que a broma das comadres (que iso é, unha broma, facendo referencia á institucinalización do Entroido, do que somos responsables todos, é certo) tivo máis eco que outras propostas e críticas serias e interesantes que fomos publicando neste Blog ou noutros lugares. Por exemplo, presentamos un escrito ó Concello reclamando que nos informase ó veciños sobre que obras se van financiar co presuposto asignado para Medio Rural nos anos 2006-2009 e inda non recibimos resposta do Goberno Municipal (seguiremos presentando escritos, a ver se hai sorte). E seguide atentos ó Blog, xa veredes como sabemos rirnos tamén de nós mesmos.
En todo caso, alédanos moito que todo o mundo opine e se nos critique, que así, coa crítica TODOS melloramos.
Respondendo ós comentarios:
- Nada que obxectar ao feito de que os homes de Sober fixeran as comadres como lles dera a gana, ¡ogallá sucedese en todos os pobos!
- O que nos resulta digno de mención é que a colocación de comadres e compadres se organice desde o Concello (nada que dicir dos traballadores que se esmeraron en facelas), e que inclúa alabanzas á xestión municipal.
- Nós vimos moitos letreiros en castelán e resultounos, canto menos, chistoso.
- Fevereiro é portugués. O Blog está en portugués porque o servidor non permite poñelo en galego, e portugués e galego son o mesmo idioma con grafía distinta e certas variantes. E porque nos dá a gana.
- Nos só nos subimos ó carro daqueles ós que nos importa que o país (e as nosas terras de Sober), se desenvolvan, chegando o benestar a todas as xentes, sen importarnos quen sexa o que leve os méritos. Iso de subirnos ó mesmo carro soa a que os gobernantes de Sober son uns altruistas e debemos apoialos porque deixan a pel en cada decisión que toman sen obter nada a cambio. JA, JA. Non queremos subirnos a un carro que vai sen rumbo; sen importarlle o cansanzo dos bois, nin fixarse se pasa por riba dalgunha roseira, ou se cae un estadullo, con tal de que o carreteiro alcance os seus obxectivos persoais.
- A recuperación do entroido tradicional sería algo moi positivo, tanto cultural como socialmente, e podería aproveitarse para atraer Turismo (coma Xinzo, Verín...).
A idea de sementar centeo xa se nos ocorreu; é o básico, ter palla, a ver se atopamos un sitio… E outra cousa que se nos ocorre é facer, ademáis do concurso para recuperar as coplas (boa idea), un taller de regueifas, para todas as idades.
- A repercusión de Salcedo, ou mesmo de Castro Caldelas, demostra que as cousas nosas son importantes, xa só por ser nosas e diferentes as debiamos de conservar, para legarllas ós noso fillos e enriquecer o mundo coa diversidade de culturas. Outro exemplo é a importantísima noticia para nós da recuperación do Pazo de Sober para hotel. Se non tivéramos conservado o Pazo non terímos hoxe esta boa noticia (económica e artística; mesmo sentimental). Así, conservemos as nosas tradicións, o noso importantísimo patrimonio arqueolóxico (non vemos por ningures a política do Concello neste ámbito), o noso entorno natural, a nosa economía tradicional, os nosos pobos, apostando polo desenvolvemento sostible, e podería ser Sober un lugar de referencia para o Turismo, con riqueza redistribuida a toda a poboación. Non é soñar, lembremos, por exemplo, Allariz.
- Finalmente, por que os comentarios sexan a 2 bandas, (de momento insertaron comentarios, polo menos, 5 persoas distintas) non quere dicir que o Blog non teña repercusión. Lennos xentes de Sober, de toda a Comarca de Lugo Sur e mesmo de outros lugares de Galicia.
¡Anônimos todos do mundo, inda que non compartamos as mesmas ideas, moitísimas gracias por abrir debate, por criticar, propoñer e polemizar! Do debate serio é de onde surxen as boas ideas.
Sen información nin debate a democracia convírtese nun trámite.

1 comentário:

Anónimo disse...

Responsable local do BNG. paréceme unha frivolidade que lle respondas ao dos compadres, non lle entres ó trapo; tes moitas cousas que facer e non perder o tempo con el; loita contra a megalomanía da alcaldesa e contra a rede clientelar que ten montada sobre todo a través da xuventude que é pan para hoxe e fame para mañá pero que lle reporta inxente cantidade de votos.Pareceme extraordinario o traballo que facedes seguide así e ánimo!!!!!!!!