Estudados dende fins do século XIX e anterga fonte de inspiración popular, o Grupo Galaico de Arte rupestre, coñecido comunmente como Petroglifos, son unha das máis fortes sinais de identidade da nosa terra, a manifestación cultural máis significativa de Galicia xunto co megalitismo e o mundo castrexo.
Asentados fundamentalmente sobre rochas graníticas, os máis de mil gravados coñecidos aumentan a súa frecuencia cando nos achegamos ás rías baixas, tendo na conca media do Lérez a maior densidade, e concretamente en Campo Lameiro. Hai moitos menos no interior, inda que os novos achádegos fan pensar nunha ampliación importante co avance das investigacións. Así ocorreu en Antas de Ulla e Sober na provincia de Lugo.
Podemos falar, dentro destas insculturas ó ar libre, dunha iconografía abstracta representada polas figuras xeométricas (coviñas, círculos, sucos, espirais, labirintos, etc) e, por outro lado, unhas representacións máis concretas (cabalos, cervos, esceas de caza, armas, etc).
Serían as representacións xeométricas as máis antigas, podendo referirse a un mundo simbólico relixioso onde os iniciados terían as claves para acceder ás portas do outro mundo, visualizado, según as crenzas, en moitas culturas, polos chamáns baixo o efecto de drogas alucinóxenas.
Sexa o que sexa, estas pedras soen estar en lugares discretos da paisaxe e moi ben orientadas cara o Sol.
Os de temática máis realista parecen falarnos do aumento das desigualdades nas sociedades agrarias, símbolos de prestixio e de poder. Constitúen este último grupo a singularidade dos petroglifos galegos fronte á temática compartida con outras zonas do ámbito atlántico europeo (Portugal, A Bretaña francesa, Irlanda, Gran Bretaña, etc.), emparellado, para moitos xenetistas, como pertencente a un mesmo grupo humano.
Malia todo, o significado e sentido dos petroglifos continúa a ser un enigma do que non dispoñemos as claves para descifralo.
O PETROGLIFO DE ANLLO:
UNHA RAREZA DENTRO DO GRUPO GALAICO DE ARTE RUPESTRE.
Dos máis de 20 petroglifos coñecidos en Sober, o de Anllo, situado da Tapada do Monte, a carón do rego de Baldeiros, é moi intereante.
Está formado por motivos circulares, sucos, coviñas, cruces independentes e cruces inscritas nun cadrado a modo de taboleiro de xogo; tamén parece verse un ídolo e unha paleta, poi difíciles de precisar polas características da pedra: unha laxa esquistosa con moitos sucos naturais, soporte pouco habitual nestes gravados da Idade do Bronce, que o fai único dentro dos do Concello e unha rareza dentro destas insculturas en Galicia.
A agresión, hai pouco, por mor dunha obra de traída de auga a este monumento declarado Ben de Interese Cultural (o que o fai obxecto dunha especial protección), que estivo a piques de facelo desaparecer para sempre enterrado como material de recheo, pon de manifesto a preocupante situación do noso patrimonio, moitas veces, ante a indiferencia das nosas institucións.
* Todo sobre os PETROGLIFOS de SOBER aquí.
Sem comentários:
Enviar um comentário