RE-FUSILAR A BÓVEDA

Re-fusilar a Bóveda

Santiago de Compostela, 7 Xullo 2004.
Velaí un artigo muito esclarecedor de Xosé Manuel Beiras (da súa serie en http://www.vieiros.com/) a emparentar a barbarie de preguerra coa actual.



Tería abondado cunha soa palabra, mais calaron todos,
e cada un diles tiña na mente a imaxe dun grande cadavre coa faciana rebentada. (J.P. Sartre)
Relátao Vilas Nogueira no seu xa clásico libro sobre a xestación e o plebiscito do Estatuto galego do 36, en vísporas da irrupción de "Atila en Galiza". Relata o acontecido co pucheirazo pegado en Ourense pola dereita proto-fascista nas eleicións de febreiro dese ano, que lle furtara o seu escano a Alexandre Bóveda para beneficiar a José Calvo Sotelo –nada menos. Sete membros da xunta eleitoral provincial, frente a outros cinco, pronunciáranse contra a proclamación de deputados por esa provincia, "indignados pola grave vulneración do sufraxio que implica todo o acontecido no decurso destas eleicións": actas asinadas en branco con anterioridade ao día dos comicios para podelas encher logo como conviñese aos caciques; votos de mortos ou ausentes; seccións nas que aparecían contabilizados máis sufraxios do que papeletas escrutadas; relacións que computaban a totalidade dos votos falsos. Asi e todo, o presidente da Xunta –eleitoral- validara os resultados trucados. Para tentar parar ao Frente Popular, o poder caciquil reaccionario utilizara tódolos resortes da trapallada fraudulenta coa que funcionara o sistema "alternante" da Iª Restauración, persistente aínda en Galiza durante a IIª República, e que fora especialmente eficaz nas eleicións do 1933 que abriran o sinistro "bienio negro". En febreiro do 36 non conseguiran impedir o trunfo en Galiza do Frente Popular e do Partido Galeguista incorporado nel. Non funcionara a manipulación nas provincias da Coruña e Pontevedra, e só parcialmente na de Lugo. Mais sí en Ourense –e exorbitantemente. Sóavos a reseso? Claro que non. Os mecanismos eleitorais perversos do sistema caciquil da Iª Restauración perviven nesta IIª, a actual, redimensionados polo fraguismo –só que menos burdos e obscenos, máis sofisticados, e coa activación do "exército de reserva" do voto dos infelices emigrados, sarcásticamente chamados "residentes ausentes" e sistemáticamente utilizados como carne de cañón eleitoral polo poder mesmo que os forzou –e os forza aínda hoxe- a emigrar. E sempre a costa do BNG: en Ourense no 1989; na Coruña en 1997; no distrito único estatal agora, nas últimas eleicións europeas. Sempre tamén, cristianísimamente, AMDG –só que neste caso o D non siñifica Dei, senón Democratiae.
XIGANTESCO ESTRAPERLO ELEITORAL
En febreiro do 36, o pucheirazo de Calvo Sotelo en Ourense custáralle ao Partido Galeguista o escano de Alexandre Bóveda. O proprio Bóveda calificara aquila fraude de "xigantesco estraperlo eleitoral montado coa complicidade gubernativa para estafa da cidadanía". Manuel Martínez-Risco –irmán do Sebastián que había ser Presidente da RAG- catedrático de óptica na Universidade de Madrid, era un consumado matemático. Defendeu a impugnación do pucheirazo ourensán perante a comisión das Cortes encarregada do asunto –daquela faciase nas Cortes, agora non- e demostrou que, das 516 seccións escrutadas en Ourense, a eleición fora simulada en nada menos que 236, que representaba uns 105.000 votos, equivalentes ao 47% do eleitorado da provincia. Basilio Álvarez, o abade-lider agrarista, denunciara que aquelas eleicións foran "un monstroso amaño realizado coa escandalosa complicidade do governo civil" ourensán. No debate final nas Cortes –ao que Bóveda non tivera acceso por non ser proclamado eleito- Calvo Sotelo recoñecera con todo descaro a validez dos cálculos de Martínez-Risco, e sinalara iso como custión "cervical", para darlle a volta alegando a carencia de probas notariais (!) da fraude e, máis desaprensivamente aínda, que uns 6.000 deses votos fraudulentos favoreceran tamén ao F.P. –os que lle atribuiran os proprios falsificadores para desimular. A prensa de esquerdas rebautismou satíricamente a fraude como "pucheirazo cervical" –algo asi como a "maioría natural" de marras. A Comisión de Actas das Cortes propuxo a anulación das eleicións de Ourense, co que Bóveda recuperaba o escano roubado. E veleiquí ven a guinda deste veleñoso pastel eleitoral. Na decisión final interveu o Presidente Azaña. Calvo Sotelo ameazara con movilizar ás "gentes de orden en aras del ideal supremo de la patria española". Miguel Maura presionou a Azaña. Azaña cedeu á chantaxe e, por "razóns de Estado", interveu decisivamente a favor de Calvo Sotelo! Consumouse así o roubo do escano a Bóveda e ao Partido Galeguista. Uns meses despois, a trama golpista na que conspiraba Calvo Sotelo, tanto nas Cortes coma fóra delas, recompensaba a Azaña e á IIª República coa sublevación fascista-militar do 18 de xullo.PARODIA DE XUÍZOOs deputados nacionalistas do PG fóranse a Madrid para entregaren as actas do plebiscito do Estatuto celebrado tres semáns antes, o 28 de xuño. Ficaron en territorio da República, defendérona até o fin e padeceron logo o exilio. Bóveda estaba en Pontevedra. Por terlle roubado o escano Calvo Sotelo, non fora a Madrid cos seus "irmáns" deputados. Púxose ás ordes do gobernador civil da República. Prendérono os fascistas, fixéronlle o aldraxe dunha parodia de xuízo, e fusilárono o 17 de agosto na Caeira. Nestes días de xuño e xullo do 2004, os pepeístas de Fraga e Rajoy están a facerlle ao BNG, na cabeza de Camilo Nogueira, o mesmo que os fascistas de Calvo Sotelo lle fixeran ao PG na cabeza de Alexandre Bóveda. En xullo do 36, o sangue de Bóveda salferira as mans de Azaña que accedera ao roubo do seu escano por complacencia das "razóns de Estado" cos fascistas que lle pagaran dinamitando a IIª República. Falta saber se agora no 2004 –tal vez outro 18 de xullo- o poder socialista no Estado vai acceder ao roubo do escano de Nogueira por complacencia das "razóns de Estado" cos pepeístas que masacraron –incruentamente- a Galiza coa catástrofe do Prestige e esmagaron -cruentamente, vive Dios- aos probes da terra en Iraq.Sería como re-fusilar a Alexandre Bóveda sesenta e oito anos despois.

Sem comentários: