A NECESIDADE DUN ESTATUTO DE NACIÓN


ENTREVISTA: María Xosé Vega Buxán
Naceu en Pantón no ano 1.957. Reside desde sempre en Monforte de Lemos. Licenciada en Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela, é profesora do IES "A Pinguela" de Monforte.
Membro do Governo Municipal de Monforte de Lemos, no que é concelleira de Facenda, Emprego e Réxime Interior.
Foi membro do Consello Local do BNG de Monforte. Na actualidade é Responsábel Comarcal de Lugo-Sul e membro do Consello Nacional do BNG.
Deputada do Grupo Parlamentar na presente lexislatura, onde exerce como portavoz en materia de Economía.

1 - ¿En que momento se atopa a negociación para o novo Estatuto? ¿Para cando está previsto que se vote no Parlamento galego unha proposta de novo Estatuto? Se esta sae adiante, ¿canto tardará en debatirse no Congreso dos Deputados?
RESPOSTA: Os debates no Relatorio atópanse nun momento singularmente importante. Até de agora, e concordada a estrutura xeral do novo Estatuto, dedicouse amplo esforzo á exposición e contraste das posturas dos tres Grupos políticos a respeito de cada un dos Capítulos: cuestións identitarias, institucións, dereitos e deberes, poderes executivo, lexislativo e xudicial, administración autonómica e local, organización territorial, competencias, finanzamento das C.A., relacións de Galiza co Estado, coa UE e co exterior... Mais agora, feita esta exploración e avaliación de posicións, é chegada a hora da verdade: cómpre redactar os artigos, un a un, cousa que se está a facer, laboriosamente e con vontade de acordo... e, se iste non é de momento posibel, acódese a que o Grupo que discrepe formule un voto particular, que se discutirá xa en fase da Comsisión, co mesmo ánimo de chegar ao acordo final. En calquera caso, fica sempre o trámite nas Cortes Xerais.
E, dende logo, o propio pobo galego, que non toleraría un novo aldraxe estatutario como o intentado en 1981.

2 – O BNG foi o primeiro e principal impulsor deste proceso estatutario: ¿que ideas inicialmente do nacionalismo galego asumiron o resto das forzas políticas no debate do novo Estatuto?
R: No BNG temos a satisfacción sentir en boa medida gañada a “batalla das ideas” a respeito do Estatuto, pola nosa convicción, decisión e teimudez política na percura do ben do país.
Inoculamos na sociedade e nas demais forzas políticas a idea da necesidade de proceder a un fondo anovamento do Estatuto de Autonomía Galego (EAG). De aí a anticipación de crear un “Foro Social Novo Estatuto”, que foi quen de motivar e dinamizar as conciencias neste sentido. E a idea de que nesta circunstancia histórica (tras un cuarto de século de autonomía nacida e erixida formalmente en momentos de transición democrática) non servía unha mera “reformiña” senón un “novo Estatuto”, se non queríamos que a nosa nación quedase atrás a respeito doutras que teñen actualmente a mesma posición constitucional que a nosa.
Tamén a idea de que isto non é un capricho político, senón unha auténtica necesidade. Que non estamos simplemente ante un debate identitario (que, con todo, é ben importante de seu), senón que, ademáis, avanzar no autogoberno galego é avanzar nas posibilidades de mellorar sensibelmente o benestar dos galegos. Iso é o que ven representar a nosa reivindicación dun “Estatuto de Nación”.
Rachamos tamén a idea de que a reforma estatutaria non é un capricho ou lecer de profesores e políticos, senón algo directamente ligado aos intereses reais dos cidadáns e cidadás, todo iso fronte ó interesado afán da dereita de proclamar que á xente iso non lle interesaba, que o que lle interesaba eran os problemas cotiáns. Un xogo suxo, que confundía interesadamente problemas con solucións, con ferramentas para solucionar eses problemas, que iso en definitiva é o EAG.
Consolidamos tamén a idea de que non se trata de imitar a ninguén, senón de construir un Estatuto propio, acaído ás nosas exixencias e necesidades, sen mimetismos nin complexos de caste ningunha; o modelo propio de finanzamento que propugnamos é paradigmático neste sentido.
Tamén gañamos a batalla da débida histórica. Ao principio aos do BNG chamábannos pouco menos que tolos por falar disto. Non hai máis que lembrar como algúns se preguntaban sarcasticamente “¿deuda, desde cuando?, ¿desde los suevos?, ¿y como la computamos?”. Necios que hoxe en día se afanan en sacar contas e establecer porcentaxes e prazos para que o Estado aboe esa débida con Galiza, tan real como a nosa propia historia, o que por certo ven coincidir infaustamente.
E temos que gañar tamén definitivamente a batalla da lingua: que o galego gañe o mesmo estatus xurídico que o castelán, en dereito de uso e deber de coñecemento. Neso estamos.
Eu coido que, até de agora, o balanzo é moi positivo para os nacionalistas. As nosa ideas non se discuten. O que se discute é a forma de plasmalas no Estatuto sen que firan demasiado, ben a intereses dos partidos de obediencia centralista, ben a intereses da globalidade do Estado, non galegos, por suposto. Pos iso, a razón, a forza moral e a tendencia lóxico-política están connosco.

3 - ¿Cal é a principal dificultade para consensuar unha proposta de Estatuto apartir do acordo do BNG e o PSOE co PP?
R: As dificultades véñense manifestando ao tempo dos debates no Relatorio. Até de agora constitúen puntos difíciles de acordo (co PP) a definición de Galiza como nación, ou a consagración expresa do deber de coñecer a lingua galega por todos os cidadáns e cidadás do páis galego. Mais non cabe dúbida qye hai moitos outros puntos de desencontro que tentamos de limar e consensuar. Non é unha tarefa doada. O selo centralista e dependente do PP adía sempre as solucións, mesmo en cuestións que parecesen menores. O PP está sempre a defender os intereses españois, non os galegos; parecera un partido de Ciudad Real ou Guadalajara. É increibel. Non sei como poden vivir fisicamente en Galiza e político-espiritoalmente nese clima central-zaplanista.

4 - ¿Que lles respostaría ós que din que e que ? ¿Qué intereses hai detrás destas afirmacións alentadas desde certos medios de comunicación?
R: É sempre unha afirmación capciosa. Queren descoñecer que o Estatuto é unha lei e, como tal, con incidencia directa sobre os cidadáns, sobre os seus dereitos e intereses. Cando se di que isto non lles interesa aos cidadáns estanse a confuncir deliveradamente dous planos diferentes. Se a alguén lle preguntas qué problemas lle preocupan, nunca che vai dicir que a reforma estatutaria (ou a constitucional; non falarán de reforma do Senado, nin da Constitución para que Leonor poida reinaren...); falarache, como é lóxico, do paro, da sanidade, do ensino... Son cousas diferentes: hai un plano dos problemas e hai un plano das solucións: o Estatuto pertence a este último; por iso a pregunta é capciosa, malintencionada e inmovilista. É a dereita máis reaccionaria (a do PP máis montaraz) a que está a instalar estas ideas na sociedade. O Estatuto é unha lei. Ten incidencia directa nas persoas e no seu patrimonio xurídico e político. ¿Ou acaso a lei antitabaco, ou a que regula as pensións, ou a que configura os impostos non nos afectan á nosa vida cotián?. E o Estatuto aínda máis. Porque é a norma institucional básica, unha especie de Constitución cotián para Galiza. Porque define o modelo de país e de sociedade que queremos, arbitra dereitos e liberdades, configura institucionalmente o poder galego, posibilita unha xustiza máis rápida e cercana, maiores competencias... para resolveren mellor e máis acaidamente os nosos problemas (máis autogoberno e posibilidade real de máis benestar); define o modelo de financiamento, que nós queremos con territorialización dos tributos e con amplas capacidades normativas; e as relacións de Galiza co Estado e con Europa e o estranxeiro... Dun bó Estatuto depende a nosa vida cotián, o seu nivel de calidade e de iualdade crecente: unha boa educaión pública ou depender dos centros privados, ter ou non ter dereito de acceso a unha vivenda digna... O Estatuto define a sociedade que queremos: se articulade e intersolidaria (territorial e xeracionalmente) ou egoísta e de clases afastadas... Se unha Galiza unida e cohesionada ou unha Galiza dividida (interior/exterior), dúas velocidades, dúas Galizas desartelladas... económica, social e territorialmente... Por iso é tan importante afondar nos datos identitarios: para ter poder propio, forte autogoberno, capacidade para pesar no Estado, para influir, para mellorar a nosa posición relativa... a identidade (a batalla pola nación, pola definitiva normalización da nosa lingua, pol prestixio e boa e eficaz representación de Galiza en todos os foros onde se estean a xogar os nosos intereses...) Non é un inútil lecer de profesores ou políticos académicos: é a loita polo noso pleno autogoberno, por seren cada vez máis quen de ditar o noso futuro. Dicir que isto (e moito máis dende a propia Galiza) non lle interesa á xente obedece a unha táctica politicamente indesexabel e moralmente pecaminosa. O incomprensibel é que o país, os cidadáns non castiguen con dureza este tipo de actitudes e comportamentos.

6 – Unha pregunta de cotilleo: ¿é fluída a relación dos representantes das forzas políticas na Comisión do Novo Estatuto?
R: A relación é fluida, claro que sí. Pero isto non significa máis nada aló da cortesía e das boas formas. A firmeza na defensa das posicións pode facerse (e así o practicamos dende o BNG) con corrección e boa crianza... Mais non cedemos un centímetro (nin cederemos) no substantivo, nos contidos: Galiza non pode perder posicións dentro do Estado que, cada vez con maior claridade, se anuncia como plurinacional, pluricultural e plurilingüe.

Sem comentários: