EN BOCA PECHADA NON ENTRAN MOSCAS


Os nosos gobernantes gustan moito de anunciar a bombo e pratos cada idea que se lles ocorre para pregoar ós catro ventos que, segundo eles firmemente cren, "vivimos no mellor mundo dos posibles".
Pero o que teñen os medios de comunicación, a pesar do tendenciosos que chegan a ser, salvo honrosas excepcións, é que o que se manifesta ante micrófonos e grabadoras queda rexistrado.
E así, véñenme á memoria noticias coma esta: "Está prevista la organización de un baile mensual en Sober para pensionistas." e "...será posible ampliar estas actividades a la parroquia de Neiras en cuanto se haga la proyectada rehabilitación de la antigua escuela local."; aparecida en La Voz de Galicia o 23 de Maio deste ano. ¿Baile mensual? ¿Proxectada rehabilitación da escola de Neiras? Ja, ja, ja.
Parece que para o equipo de goberno municipal se converteu nunha obsesión coleccionar recortes de periódico que falen da súa "espectacular" xestión, e nen sequera lles importa transmitirlles ós Medios información sobre actividades que non se van levar a cabo.
Ou se non vexamos: "Comenzó en Sober un programa gratuito de enseñanza de lengua y cultura nativas para los residentes de origen británico del municipio." [La Voz de Galicia, 15/2/2006] Finalmente, parece que se decidiu que o galego non era lingua nativa, pois só se impartiron clases de castelán; así o poñía no horario da Casa da Cultura: ESPAÑOL.
Tamén, observemos a noticia de prensa aparecida cando o noso Concello quedou finalista nun premio ás iniciativas de desenvolvemento rural: "Entre as iniciativas polas que o Concello recibiu esta distinción figuran a restauración dos muniños do río Xabrega, a creación dun viñedo experimental dos Chancís..." ¿Viñedo experimental nos Chancís, ese lugar onde están as cepas morrendo?
E, recentemente, con motivo dun premio de arquitectura que recibiron os edificios novos na Xabrega, o Concello afirmou que está previsto que un deles albergue un "centro de interpretación" . ¿Interpretación de que? ¡Se no proxecto inicial do PXOM que elaborou o Concello excluiuse premeditadamente sinalar que na Xabrega hai un castro! E por riba, un castro que xa estaba catalogado pola Xunta, co cal o PXOM que se pretendía aprobar, xunto con outras omisións destas índole, estaba fóra da legalidade.
A memoria, que é caprichosa. Un quéntase cando fala para a prensa e saen a relucir estas cousas.

Sem comentários: