VIVA A DEMOCRACIA!

Un artigo de Carlos Aymerich

Desde a chegada de Manuel Fraga á presidencia da Xunta de Galiza a administración española permitíu un extraordinario e desordenado incremento do censo de residentes ausentes correspondente ás catro provincias galegas: de 39.330 inscritos en 1989, o CERA galego pasou a 115.621 en 1994, a 244.209 en 1999, a 268.587 en 2001, a 294.920 en 2004 e a 307.728 a 1 de febreiro de 2007, último dado publicado pola oficina do censo electoral. É dicer, case o 14% do conxunto do corpo eleitoral galego, porcentaxe que en certos concellos sobarda mesmo 30%.
É evidente que sen o envolvimento activo dos consulados españois, esta inflación do CERA galego – sen comparanza con outras CC.AA. – non tería sido posíbel. E as cousas non mudan co PSOE no goberno español. Ben ao contrario, como parece demonstrar o incremento experimentado polo CERA en municipios especialmente sensíbeis para este partido como, entre muitos outros, A Coruña (incremento de case 2000 censados no exterior entre 2003 e 2007) ou Vimianzo (onde o incremento é de 624). Concellos nos que os actuais alcaldes confían na emigrazón para recuncaren.
E máis no CERA segue a haber inscricións duplicadas, mortos que votan e, sobretodo, unha flagrante violación do Direito Internacional xa que, na imensa maioría dos casos, os inscritos no CERA estáno tamén nos censos eleitorais dos países da súa residencia, votando pois en dous Estados. E facéndoo, ademais, en condicións indefendíbeis en termos democráticos: por correio e a meio de procedimentos que non garanten nin o segredo, nin a personalidade nin tampouco a liberdade do voto. Son coñecidos os casos de suplantación da vontade do eleitor, mesmo organizados por partidos que, como PP e PSOE, recoñecen sen recato manteren axentes a soldo en Arxentina ou Uruguai con tal encomenda. Louzán convida a sardiñas en troca dunha fotocopia do pasaporte dos comensais, para o PP poderlles “xestionar” o voto. O candidato pesoísta de Vila de Cruces recoñece – e segue a ser candidato – que envíou un e-mail a un coñecido para lle oferecer cartos cos que comprar votos na Arxentina. Pola súa parte o Sr. Losada, alcalde accidental d’A Coruña, atafagado como anda ordenando cargas policiais contra funcionarios e traballadores, ainda encontra tempo para lles enviar unha carta aos coruñeses no exterior conminándoos a oferecer ao PSOE os seus dados persoais.
E mentres PSOE e PP reñen enfouzados na lama da fraude electoral, algúns lembraremos que os mariñeiros galegos embarcados na frota de altura, eses, seguirán sen poder votar o próximo vintesete de maio.
O CERA EN SOBER
Sober, con 2.895 habitantes no 2006, rexistra un censo electoral, a 1 de Xaneiro de 2007, de 3.310 electores: ¡400 persoas máis das que vivimos en Sober!
Esto explícase polo volume dos soberinos residentes no estranxeiro con dereito a voto en España: 630 electores, case un 20% do electorado total de Sober.
Se se dese o caso de que estas máis de 600 persoas, que non viven en Sober, a maioría delas totalmente desvinculadas da política municipal, votasen nas vindeiras eleccións, poderían decidir case 3 concelleiros.
Se observamos a evolución dos censos de Residentes en España e Residentes no Estranxeiro en Sober desde 1999, constatamos que:
- O Censo de soberinos residentes no Concello descendeu de 3.026 persoas en 1999 a 2.680 en 2007.
- Sen embargo, o CERA, soberinos residentes no estranxeiro con dereito a voto, aumentou desde 555 a 630 no mesmo período.
O BNG sempre defendeu ós galegos emigrados ó estranxeiro (en primeiro lugar, defendendo políticas que permitan o dereito básico de toda persoa a "vivir e traballar na propia terra"), considerando prioritario garantir o dereito destes a unha sanidade de calidade, entre outros dereitos básicos. Pero, o BNG non pode estar de acordo coa total falta de garantías democráticas que ofrece o voto emigrante (demostrouse que se pode votar por varias persoas, non se garantiza o segredo do voto); e por iso considera fundamental o establecemento do voto en urna nos consulados. Ademáis, apoia a proposta de que os emigrados só poidan votar nas eleccións xerais.
O BNG de Sober defendemos o dereito dos soberinos do exterior a poder establecerse de novo no seu municipio natal (ou no municipio dos seus pais ou avos), por iso apostamos por unha maneira de facer política que cree postos de traballo estable; pero non podemos estar de acordo en que un 20% do electorado poida decidir sobre o futuro do noso concello sen información da vida municipal nin garantías democráticas.
O BNG limítase nos seus actos electorais no exterior a o mesmo que fai nos actos electorais en Galicia: informar, arengar, explicar... PP e PSOE manteñen axentes electorais a soldo en terras do exterior e entregan ós posibles votantes formularios para que estes lles faciliten os seus datos persoais e o partido lles xestione o voto. Se o PP e o PSOE de Sober teñen pensado traspasar esa fronteira lembren que están a xogar, primeiro, coa liberdade dos emigrantes, segundo, con quen vivimos no concello e sentimos totalmente inxusto que xentes que, inda compartindo o amor á nosa terra, non saben o que se "coce" na vida cotiá da política soberina poidan decidir sen garantías democráticas o noso futuro.

2 comentários:

Anónimo disse...

TOTALMENTE DE ACORDO

Anónimo disse...

Coincido con Chuzo.