MULIER MORITURA

Por INMA LÓPEZ SILVA
MALTRATADOR, axiña asasino: Vinte cos colegas na taberna practicando a conxugación: eu maltrato, ti maltratas, el maltrata, nos asasinamos, vós asasinades, elas morren.
Xa debería saber que algún día me ías matar, pero non sei que clase de amor me anulou a razón.
A culpa de que teña o 80% do corpo queimado non a tiveches só ti, a pesar de que os gardas te colleron coa gasolina e os mistos mirándome arder.
Non es máis ca un simple verdugo.
Polas miñas feridas tamén deberían pagar os teus pais, o cura, o alcalde, o teu mestre, o teu mellor amigo, a túa primeira moza, a segunda e quizais a terceira, algún que outro presidente do Goberno, moitos ministros, dous xefes, un camareiro de bar e boa parte dos veciños.
Ningún deles foi quen de quitarche esa idea tan española de que as mulleres que teñen varios homes son unhas prostitutas e os homes que teñen varias mulleres, uns machos.
Non souberon ensinarte a dominar os celos cando sentes que non controlas á túa muller; algún deles, desde o outro lado do confesionario, incluso te animou a telos.
Ninguén te avisou de que as mulleres saen da casa, traballan e fan máis cousas que parir, comidiñas e deixarse violar de vez en cando.
Mesmo eu fun algo culpábel, por non ter fuxido a tempo de que os nosos fillos non queden orfos.
Ningún de nós protestou, tampouco, cada vez que na televisión algún famosiño que precisa cartos contou unha agresión machista coma se non doese, coma se unha non morrese un pouco con cada negrón, con cada cigarro que che apagan na pel, con cada ameaza.
Agora que morro, repaso a miña vida ao longo dos teus vocativos desde o día que nos fixemos mozos até hoxe: cariño, churri, parviña, gordi, gorda, burra, tola, puta, morta.
Coma un emperador, mandaches. Mulier moritura te salutat .
La Voz de Galicia 03/03/2007

Sem comentários: