FACER PAÍS DESDE OS CONCELLOS

O Consello Nacional aproba por práctica unanimidade o Programa Marco para as municipais 07
"Trátase de construír o país desde os concellos", afirma Anxo Quintana en rolda de imprensa

Santiago de Compostela, 10 Marzo 07.
O Consello Nacional aprobou esta mañá por práctica unanimidade -67 votos a favor, unha soa abstención- o Programa Marco coa que a formación nacionalista concorrerá ás vindeiras eleccións municipais do 27 de Maio.
“Vimos de aprobar un Programa Marco”, relatou Quintana en rolda de imprensa aos e ás xornalistas, “que confirma que a alternativa do BNG é que os concellos constrúan tamén país. Ese é o principal labor do BNG no Goberno de Galiza e queremos trasladar esta mesma filosofía agora aos concellos”.
Ética da cooperación
Quintana contrapuxo a ética da cooperación institucional que abandeira o BNG –a cooperación entre concellos e entre estes e o Goberno de Galiza- coa dialéctica da confrontación que encarna o Partido Popular.
“A confrontación é estéril, non interesa en absoluto aos veciños e ás veciñas e só se explica polo uso partidista que o PP adoita facer das institucións”, engadiu.
"O BNG, por contra, está a traballar para que o cambio galego que impulsamos desde o Goberno de Galiza se estenda tamén aos concellos”, aseverou Quintana.
O Programa Marco do BNG debuxa o nacionalismo como “unha forza útil” para rematar coa “Ditadura do tixolo e da especulación inmobiliaria” que representa o PP.
Non queremos concellos pensados para o asfalto, queremos concellos pensados para a xente. Queremos políticas activas de emprego, queremos políticas públicas de promoción da vivenda, queremos políticas que garantan a igualdade e o benestar social. E todo isto desde o principio básico da participación popular”, afirmou Quintana, quen enfatizou que, en definitiva, “os concellos teñen que estar gobernados pola xente”.
Os silencios de Feijóo
Quintana criticou a persistencia de Núñez Feijóo no seu “silencio cúmplice” perante a actuación de diversos alcaldes do PP claramente conniventes coa especulación inmobiliaria. “Núñez Feijóo combina o ruído e o barullo cando debería estar calado –fai demasiado ruído para acompañar a entolecida campaña do PP de Madrid- e, en cambio, practica o silencio cúmplice cando debería alzar a voz contra a especulación inmobiliaria e contra o uso do público ao servizo dos amigos”.

Sem comentários: