IMOS DAR A DESPEDIDA...

Despois de case 6 anos facendo deste blog unha ferramenta de comunicación entre o BNG e a xente de Sober, hoxe queda clausurado. Podedes seguir a consultar o arquivo histórico de novas relacionadas coa actividade política do nacionalismo de esquerdas en Sober entre o outono de 2006 e a primavera de 2012, pero xa non publicaremos máis asuntos aquí.
A razón é que a equipa humana que sostiña este blog, e toda a actividade política do BNG en Sober, dende 2006, pasa a constituírse en Asemblea Nacionalista de Sober.

A nosa actividade podedes seguila a través de www.sobernacionalista.blogspot.com 

A Asemblea Local do BNG de Sober, reunida o 28 de febreiro de 2012, acordou, por unanimidade, que continúen como concelleiro e concelleira nacionalistas de Sober as persoas que actualmente o son – Alfonso Campos Pérez e Paula Vázquez Verao –, sexa cal sexa a decisión de militar ou non no BNG. Paula Vázquez Verao cursou a súa baixa no BNG o 1 de marzo.

A Asemblea Local do BNG de Sober decidiu constituírse en Asemblea Nacionalista de Sober, na que se integrarán todas as persoas nacionalistas e de esquerdas de Sober, tanto a xente que curse baixa no BNG, como as que vaian quedar na organización ou coma as persoas simpatizantes. Esta asemblea seguirá a funcionar segundo un modelo asembleario, en base a consensos, respectando o pluralismo e onde cada persoa conte, milite onde milite.


Óscar Alonso Díaz será o coordinador da Asemblea Nacionalista de Sober e Paula Vázquez Verao continuará a ser voceira do Grupo Municipal nacionalista.

A nosa prioridade seguen a ser os problemas das maiorías sociais de Sober, e niso seguiremos a traballar. No inmediato, divulgaremos o retroceso nos dereitos da clase traballadora que supón a nova reforma laboral, a través dunha moción, ou denunciaremos os recurtes nos servizos públicos, nomeadamente na Sanidade, que tamén repercuten directamente en Sober no noso Centro Médico.


Continuaremos defendendo o programa electoral polo que nos presentamos ás eleccións municipais (consultar aquí), e mantendo a dinámica de respostar ás demandas sociais mediante o diálogo aberto, xuntanzas veciñais, asembleas abertas, etc, organizándonos a través da Asemblea Nacionalista de Sober, aberta a aquelas persoas soberinas nacionalistas de esquerdas que o desexen.

6 comentários:

Anónimo disse...

Até sempre copmañeira, atoparémonos no camiño.

Anónimo disse...

Despedida do BNG, pero non do nacionalismo.

Unknown disse...

Unha aperta de Ames Novo: a ver se recomezando desde abaixo conseguimos ofrecerlle esperanza a este país. Ánimo e adiante!!

Anónimo disse...

Este país necesita xente coma vós.

Anónimo disse...

Adiante co Novo Proxecto Común.

José Luís Barreira disse...

Gosto do discurso, da mensagem. Nacionalismo, esquerda, tolerância, defesa dos diqreitos da classe trabalhadora, etc... Eu não sou do BNG nem de Sober, mas espero coincidir com vocês trabalhando por Galiza e a gente. Um saúdo.