O PP non suprimiu o canon da auga, como reclamaba o BNG


A deputada Isabel Sánchez pediu a derrogación  dos  novos tributos   e defendeu a  exención para   persoas paradas,  familias numerosas e sectores da poboación que, antes da nova lei do PP, non estaban obrigados ao seu abono

Santiago de Compostela, 3  de maio de 2011. –Pleno. O PP rexeitou a Proposición de Lei defendida, hoxe no Parlamento galego, pola portavoz de Medio ambiente do BNG, Isabel Sánchez na reclamaba  modificar a Lei de Augas de Galiza por seren “recadatoria”, penalizar os usos domésticos fronte aos industriais e prexudicar “gravemente” aos residentes do medio rural.

O PP amosa medo electoral
Para a deputada nacionalista, “os medos electorais” do Partido Popular fixeron que o propio Conselleiro de Medio Ambiente afirmara que non ten intención de aplicar o novo marco tributario contido nesta Lei e neste punto, cominou ao Goberno galego a derrogar  o “Título 4º na súa integridade” para elaborar un novo marco máis xusto e equitativo.
Sánchez lembrou que o BNG manifestou a súa oposición a  Lei de Augas  de Galiza durante a súa tramitación pero o PP decidiu aprobala e introducir un novo imposto sobre sectores de poboación que, até a súa entrada en vigor, permanecían exentos.
Para a deputada nacionalista,  no momento de crise económica que estamos a vivir, faise necesario estender a exención do canon ao colectivo de paradas e parados e as familias numerosas.

Só o PP defende esta lei
Na súa intervención, Sánchez asegurou que o Goberno galego ten a oportunidade de dar marcha atrás a unha medida que o propio Consello Económico e Social cuestionou no seu incremento  da presión impositiva sobre a cidadanía, familias e empresas.
Sánchez  tamén  aludiu ao rexeitamento da poboación galega a esta norma como se puido constatar a través de “dez mil sinaturas” presentadas no Rexistro do Parlamento de Galiza para reclamar  a súa derrogación.

Lei recadatoria
A deputada insistiu en que só o Partido popular votou a favor desta lei o pasado mes de outubro  e lembrou que o BNG amosou o seu rexeitamento á  normativa por non introducir “melloras nas augas galegas”  e perseguir como “único obxectivo” modificar o réxime económico do uso da auga  para incrementar  a recadación tributaria.
“Non engade a protección das augas, non establece ningunha estratexia contra a súa contaminación e non deseña unha política eficaz para o seu uso” dixo  a nacionalista, pero -engadiu-, crea dous novos tributos que prexudican gravemente á poboación do medio rural.
A nacionalista explicou que a cota do canon quedará fixada en cinco euros ao mes para as industrias e para as familias galegas 1,5 euros e nos usos domésticos, en función do consumo e membros da unidade familiar, poderían verse incrementos en ata tres veces máis.
Sánchez  afirmou que coa nova normativa, os núcleos que superen os 2.000 habitantes non quedarán exentos do canon da auga que procedan de pozos ou traídas de auga, imposto contemplado no artigo 45.
A lei non gravará a auga para instalacións deportivas, regos e extinción de incendios “que serán as únicas exencións” o que ao xuízo da deputada do BNG, o PP volve a mentir ao afirmar que pozos e traídas veciñais non están sometidos ao canón da auga.

Sem comentários: