temas para o debate - A SITUACIÓN FINANCEIRA DE SOBER É INSOSTÍBEL

Iniciamos esta sección para animar o debate de cara ás eleccións de maio, pois o que importa é que, froito do debate, sexamos quen de darlle solución aos problemas do Concello. Dende o BNG de Sober lembramos que estamos abertos a propostas da cidadanía para o programa electoral. 
O Concello de Sober endebédase cada ano e non busca solucións para sanear as finanzas

O BNG denuncia o caos financeiro do Concello

[NOTA - Coa esta nota pública sobre as finanzas do Concello de Sober emitida hai días polo BNG de Sober pretendiamos abrir un tema de debate de cara as municipais, no sentido de que as forzas políticas que nos presentamos ás eleccións nos pronunciemos sobre cal é o noso modelo de orzamentos para Sober.
O BNG propón eleborar un “plan de saneamento financeiro un plan de emprego que atenda ás necesidades concretas de persoal” porque cremos que non se pode continuar con tal elevado nivel de gasto corrente e persoal e tan poucos cartos para inversións reais. O modelo financeiro que o PP de Sober non é o noso. Cremos, ademais, que melloraría a situación financeira dos concellos galegos coa supresión das Deputacións, transferindo as súas competencias e financiamento á Xunta e concellos, coa creación de comarcas e áreas metropolitanas.
Non pretendemos culpar ao actual alcalde da situación actual pois, reiteramos, el, polo menos, está a tratar de pagar todo o que a había pendente de anos anteriores.
É obvio que recorrer a un recoñecemento extraxudicial de créditos non é recorrer a financiamento externo, pero recorrer sistematicamente a este procedemento para atender gastos correntes revela incapacidade financeira do Concello e improvisación no tema dos orzamentos.
Os datos que publicamos sobre a estrutura de gasto do Concello foron tomados das actas dos plenos do Concello de Sober; o único que está incorrecto é o do gasto en alumeado público, que corresponde á factura total de FENOSA mes a mes, que engloba máis gasto eléctrico que o alumeado público.]
O orzamento do Concello para cada ano apróbase, sistematicamente, nese mesmo ano contábel, fóra do prazo legal (habería que aprobalo antes do 1 de outubro), evidenciando a falta de planificación sobre os gastos e ingresos anuais por parte do goberno local.
Os elevados gastos correntes (luz, gasoil, tratamento de lixo…) – aproximadamente un 25 % do orzamento anual – fan que as partidas deste capítulo, para as que se asigna menos do necesario, queden sen cartos antes de rematar o ano, co que o goberno local ha de pedir un crédito – baixo a figura de “recoñecemento extraxudicial de crédito” – para pagar o ano seguinte os gastos do ano anterior. O sistema é tan irracional que mesmo o goberno local do PP ten aprobado en Xunta de Goberno gastos para os que xa non había crédito. 

Ou tomamos en serio os orzamentos e elaboramos un plan de saneamento financeiro ou o Concello acabará en quebra. Isto é posto de manifesto polos propios informes da Secretaría sobre os orzamentos, coma o de 2010, que di que “ou se leva a cabo unha política de control de gasto ou a maioría das partidas do capítulo II (gastos correntes) quedarán sen crédito antes de rematar o ano”, que é o que sucede sistematicamente.

Cómpre un saneamento económico do Concello, que inclúe, citando un informe imparcial da Secretaría do Concello, “elaborar un plan de emprego que determine as concretas necesidades de persoal”, unha partida que absorbe máis ou menos un 50% dos gastos do Concello cada ano.

Hai que recoñecer que, polo menos, o actual alcalde está a tratar de pagar o que se debe, a diferencia da anterior alcaldesa, que deixou numerosos pagos pendentes e un Concello mal organizado, que se manifesta, por exemplo, en que a maior parte das facturas daquel periodo non foron rexistradas no Rexistro Xeral municipal. A anterior alcaldía nen sequera puxo en coñecemento do Pleno a gravidade da situación, mentres que hai que recoñecerlle ao actual alcalde que leva todos estes asuntos ao Pleno.

De fondo está tamén a evidente falta de autofinanciamento das entidades locais e a necesidade de reformar o actual sistema municipal - que actualmente prima ás grandes cidades - no sentido de contemplar no financiamento dos concellos variábeis coma a dispersión poboacional do noso país, o avellentamento ou a extensión territorial do municipio. E se lle engadimos a dilapidación e gasto incontido da anterior alcaldesa - que continúa na lista electoral do PP de Sober - e a falta de xestión e control financeiro chegamos a esta situación próxima a quebra económica que xa está a traer prexuízos e falta de servizos e infraestruturas aos veciños e veciñas de Sober (as inversións reais ocupan menos do 20% do orzamento).


O grupo nacionalista de Sober asumimos como compromiso, no noso programa electoral, a elaboración dun plan de saneamento financeiro e dun plan de emprego que atenda ás necesidades concretas de persoal. Ademais, é urxente un plan de aforro enerxético, para reducir o elevado gasto en alumeado público luz (máis de 25.000 euros ao mes e máis de 300.000 euros cada ano).



9 comentários:

Anónimo disse...

está visto que queredes enganar á xente...pero a estas alturas á vista do resultado dos bipartitos (véxase deputación de Lugo ou anterior goberno da xunta que dilapidaron o diñeiro de todos)a verdade é que dende o BNG non tedes moitos argumentos...a vosa xestión xa está máis que contrastada...

Paula Verao disse...

Os datos do Concello de Sober son os datos. Ademais, a responsábel desta situación é a anterior alcaldía, que chegou a afirmar nun pleno que as finanzas estaban ben organizadas, que por aí non a podíamos pillar. Ao alcalde actual hai que recoñecerlle que asumiu esta situación, que está a tratar de pagar todo e que informa sempre ao Pleno, aínda que falta un plan de saneamento económico. O que poñemos está recollido nas actas dos plenos e nos informes de secretaría. Podemos seguir así ata que se acabe co Concello, "viviendo la vida loca", é unha opción. Non sei que ten que ver o goberno da Deputación nin o da anterior Xunta con isto. Saúdos!

Anónimo disse...

Menudo argumento do anónimo nº 1 ,, botarlle a culpa da mala xestión do concello de Sober ao anterior goberno da Xunta, que non pase como no do Saviñao que o estado das súas contas xa está no xulgado.

Anónimo disse...

penso que non interpretastedes ben o comentario do anónimo nº1. estaba falando da "xestion do bng" cando chega ó goberno; a xestión que levou a cabo na anterior xunta ,na que non se sabía quen era o presidente, touriño ou quintana, e o resultado que deu o bipartito (igual que o resultado que está dando nos bipartitos dos concellos da provincia). os cidadáns déronse conta e por iso gañou a xunta o PP no 2009 . eiqui en Sober o resultado sería o mesmo,e por iso os soberinos con bo criterio xa non vos van dar opción a gobernar...

Anónimo disse...

Si, seguro que por iso mesmiño non goberna o BNG en Sober.

Anónimo disse...

Estes do PP seguen co mesmo argumentario que nas autonómicas, so lles falta a foto de Quintana e o audi de Touriño, son tan falaces que dan noxo.
Aprender o argumentario e soltalo que todo o monte é ourego.

Anónimo disse...

O anterior goberno da Xunta, a través de de varias consellerías déulle moitísimos cartos ao concello de Sober, para crear postos de traballo, cultura, infraestructuras, tantos ou máis que os gobernos monocolores do PP.

Anónimo disse...

E a quen lles deu eses postos de traballo coas subvencións recibidas?.Teñen nome e apelidos.

Anónimo disse...

Os postos de traballo, diullos a deputación os seus amigos(que tamén teñen nome e apelidos) , o caso maís claro está en Sober, creo que non fai falta explicalo