NON Á LEI DE CONVIVENCIA E PARTICIPACIÓN DA COMUNIDADE EDUCATIVA



1. Esta lei está pensada para unha realidade social e educativa que non é a nosa. Aínda recoñecendo a existencia de problemas na convivencia nos centros escolares, non aceptamos que se defina a situación actual como unha situación conflitiva. Existen dificultades na convivencia como en calquera outro ámbito colectivo, pero non é real que sexa motivo de alarma.

2. O título de participación só pretende novamente introducir a consulta sobre a uso da lingua nos distintos niveis educativos. Entendemos que a procura da normalización do galego é unha obriga das administracións que non pode ser sometida a consulta. Ademais a programación xeral do sistema educativo é competencia única da administración.

3. Desde unha perspectiva ultraliberal, enfoca a solución dos problemas de convivencia desde unha perspectiva represora, coercitiva, que supón un retroceso sobre o patrimonio conseguido nos últimos 25 anos sobre a educación baseada sobre os valores da negociación e da comunicación.

4. Esta lei, en ningún caso contribuirá a mellorar a convivencia nos centros. Non pon os instrumentos necesarios para atender á diversidade escolar, nin afrontar o fracaso escolar, verdadeiros problemas do ensino en Galiza.

5. Con esta lei, o goberno do PP evita e elude asumir as responsabilidades que lle competen, trasladándollas aos centros.

6. Non avanza na efectiva e necesaria participación da comunidade universitaria, nin do estudantado, nin do profesorado nin dos pais e nais. Se realmente quere escoitar e ter en conta a opinión dos pais e nais, que o faga xa no Consello Escolar.

7. É unha lei innecesaria. Este proxecto de lei desenténdese do Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar, amplamente consensuado no ano 2007, cando as súas propostas non foron aplicadas nin conseguidos os seus obxectivos . A Consellaría en lugar de retomar este plan, opta por unha lei reaccionaria, contraria á resolución educativa e formativa da conflitividade escolar.

8. Entendemos que o prioritario é atender os problemas reais do ensino con compromisos concretos: reducir o número de alumnos por aula; dotar ao centro do persoal preciso, tanto administrativo, como educativo, como de persoal de apoio especializado.

POSICIÓN DO BNG SOBRE A LEI

9. Entendemos que é prioritario a elaboración dunha Lei do Sistema Educativo Galego que garanta unha mellor educación pública, que atenda con éxito a diversidade e necesidades escolares; facilite os servizos complementarios e actividades extraescolares a todos os centros; dote os centros escolares de máis profesorado, aposte por fixar servizos educativos no medio rural, garanta a escolarización, incluída a postobrigatoria, a todo o alumnado; revalorice a función docente e aposte pola galeguización e porque a lingua vehicular no ensino sexa o Galego.

3 comentários:

Anónimo disse...

Imos apañados con istes do PP.

Anónimo disse...

Moi interesante o blog, esperemos que outras organizacions sigan o voso exemplo. Un saudo fraternal e solidario desde Celanova.

Paula Verao disse...

Un saúdo!