SOLICITUDE DE MELLORAS TURÍSTICAS

A política turística do goberno municipal de Sober caracterízase pola improvisación, e só o feito de contar esta terra con múltiples valores patrimoniais de gran interese camufla a falta de estudos, a carencia de actuacións de posta en valor, a deixadez na divulgación e a errada ou nula sinalización do Patrimonio soberino por parte do Concello.
Cremos que nunca se fixo un esforzo por coñecer o propio, o real, os elementos máis xenuinos da nosa Cultura que son nosos e únicos, verdadeiros valores que deberían ser dados a coñecer entre a nosa xente, especialmente entre a infancia e, a partir da autoconciencia do propio divulgalo cara afora. Pero, os elementos do Patrimonio soberino só se consideran útiles para o Turismo e non todos pois a oferta turística do Concello de Sober só se centra en determinados puntos, esquecendo verdadeiros fitos histórico-culturais que, por riba, son demandados entre os visitantes que se achegan a Sober.

Consecuentemente, o BNG de Sober fai ante o Pleno do Concello de Sober a seguinte
SOLICITUDE

1. Que se sustitúa o panel co mapa de municipio que hai actualmente no parque de Sober por outro no que se sinalen de xeito máis claro as vías de comunicación e os puntos de interese, e que se coloquen outros mapas en Canaval e Doade, portas de entrada do noso Concello.
2. Que na caseta que serve de Oficina de Información Turística, e posteriomente no futuro Centro de Recepción de Visitantes, se coloquen en lugar visible planos moi sinxelos, a modo de croquis, cos puntos máis interesantes do Concello de xeito que, cando a Oficina esté pechada, os visitantes poidan ver os puntos máis interesantes con maior detalle que no mapa xeral. Nós propoñemos os seguintes: PETROGLIFOS – IGREXAS CO ROMÁNICO MÁIS INTERESANTE (Pinol – Lobios; son aquelas nas que se poden apreciar elementos moi interesantes no exterior) – NÚCLEO DE PROENDOS como pobo que conserva na súa arquitectura tradicional elementos do asentamento romano – MUÍÑOS DO XABREGA – OLERÍA – MIRADOIROS. O BNG de Sober ofrece a súa colaboración para elaborar estes planos.
3. Que se amplíe a escasa e, nalgúns casos, errada información da páxina web do Concello de Sober nos apartados Historia e Parroquias, así como que se inclúan máis fotografías. [Últimamente ampliouse a sección Turismo, que permaneceu anos baleira, polo que é de agradecer o esforzo dos traballadores municipais].
[Adxúntanse propostas].

- Observacións e propostas sobre a páxina web do Concello de Sober.
- No apartado Turismo Natural aparecen escasas fotos (16) e moi repetitivas: 2 da Pena do Castelo, 4 do entorno dos Chancís, 1 da praza e 1 do parque de Sober e o resto do Canón do Sil. Bótase en falta a fermosa ribeira do Cabe, monumentos naturais coma o Souto do Tellada, paisaxes penedíos da ribeira de Bolmente, Cadeiras, pobos con encanto coma Barantes ou Portizó...
- Na sección Olería de Gundivós faltan fotos e sinalar os talleres.
- Na sección Banda de Música poderían incluirse fotografías.
- Na sección Patrimonio histórico-artístico non se inclúe ningunha fotografía dos petroglifos e só se comenta o dos Cótaros; non aparecen fotos de mámoas nin de castros; só se fala de 3 igrexas e da capela dos Anxos, esquecendo o interesantísimo románico de Pinol, e falta apoio fotográfico para as explicacións. Faltan as pinturas murais da Igrexa de Proendos, as Casas Grandes, a arquitectura tradicional...
- Algún erros que cremos ver na sección Historia:
· Detense a explicación histórica no s. XII.
· Plinio o Vello, en lugar de “el Viejo” (semella un detalle sen importancia, pero traduce un prexuizo cara o galego poñer en castelán o nome dun historiador latino).
· Confúndende as sociedades cazadoras-recolectoras do Paleolítico cas sociedades do Neolítico, nun desfase de centos de miles de anos. Propoñemos unha nova redacción do parágrafo: “En Sober, as ribeiras dos ríos Cabe e Sil, ó igual que noutros puntos da nosa xeografía, foron centros de atracción nos que se asentaron as primeiras tribos de cazadores que chegaron a Galicia. Restos deixados polas xentes que máis tarde comezaron a practicar a agricultura, no periodo chamado Neolítico, dende o V milenio a. C., en terras soberinas, localízanse en Bolmente, Anllo, Brosmos, Doade, Figueiroá, Pinol ou Proendos.
Nestes lugares aínda se poden ver restos de mámoas, construcións sepulcrais da época megalítica formadas por un dolmen cuberto por un montículo de terra de planta circular duns cinco metros de altura.”
· A explicación dos petroglifos está pouco clara. Adxuntamos algunhas notas que poden servir de guía para unha nova redacción:
PETROGLIFO – Debuxo ou gravado en pedra.
GRUPO GALAICO DE ARTE RUPESTRE – Conxunto de insculturas ó aire libre moi numeroso e peculiar que se
manifesta por toda Galicia, con maior densidade na zona costeira pontevedresa. Datados o groso destes gravados rupestres no III e II milenio a. C., presentan unha serie de características comúns: o soporte xeralmente granítico, a técnica do gravado, case sempre piqueteado, e unha temática dividida en dous bloques, xeométrica e naturalista, singularizando esta última os petroglifos galegos con repecto ós do resto da fachada atlántica europea.
MOTIVOS MÁIS COMÚNS NOS PETROGLIFOS GALEGOS –
- xeométricos – Son os motivos máis comúns, destacando os circulares. Aparecen xeralmente en rochas arente do chan.
- naturalistas – Os zoomorfos son os máis comúns (cervos, cabalos, serpes), asociados xeralmente ós xeométricos. Os motivos antropomorfos son case sempre varóns realizando actividades de alto prestixio social (caza maior, equitación…), situados en rochas visibles dende lonxe.
INTERPRETACIÓN – Decoñécese o seu significado. Os motivos máis comúns, zoomorfos e antropomorfos situados a rente do chan, fan pensar nunha forma de expresión máxico-relixiosa de carácter restrinxido a certos individuos da sociedade. Os antropomorfos parecen estar destinados a afirmar o poder das elites dos inicios da metalurxia.
PETROGLIFOS DE SOBER –
18 puntos de petroglifos inventariados.
Motivos xeométricos en todos eles.
Só a Pena do Cabalo presenta un motivo zoomorfo: un cabalo deseñado dun só trazo.
Son reseñables os petroglifos do Xestal I e II, con círculo concéntricos, coviñas e sucos, en Proendos, o petroglifo dos Cótaros, pena practicamente cuberta de motivos xeométricos, límite entre Figueiroá e Proendos, e o petroglifo da Tapado do Monte, en Anllo, realizada sobre unha laxa esquistosa, soporte moi pouco habitual.
- Á sección Parroquias, con moi pouca información e sen fotos, fáltalle un mapa.

4. Que se sinalicen os principais puntos de Petroglifos, que consideramos que son:
- Petroglifo da Tapada do Monte, Anllo.
- Petroglifo dos Cótaros, Figueiroá-Proendos.
- Petroglifos do Barcal e do Agro I, Pinol.
- Petroglifos do Xestal I e II, do Pombal e Pena do Cabalo, Proendos.
5. Que se mellore o acondicionamento e mantemento regular do sendeiro dos muíños do Xabrega.
6. Que se restitúan os nomes orixinais e propios dos mal chamados miradoiros dos Cotarros I e II: Miradoiro da Cividade e Miradoiro do Boqueiriño.
7. Que se elabore un plano de sinalización do municipio, en colaboración cos axentes turísticos.

Sem comentários: