100 ANOS DO FALECEMENTO DE CURROS

En 1908 era soterrado Manuel Curros Enríquez no medio dunha multitudinaria manifestación popular na Coruña, cidade que o coroara “gran poeta civil de Galicia” .
Curros Enríquez, poeta e xornalista nado en Celanova en 1851, é un home comprometido cas inxustizas sociais do seu tempo; nos seus escritos arremete contra a Igrexa e os ricos coma clases parásitas donas da terra que traballan os campesiños, afogados polos impostos, forzados a emigrar a América. Amosa Curros gran confianza no progreso, representado pola industrialización, como reparador do atraso de Galicia.

Velaí vén, velaí vén tan oupada,
tan milagrosiña, con paso tan meigo,
que parece unha Nosa Señora,
unha Nosa Señora de ferro.

Tras dela non veñen
abades nin cregos;
mais vén a fartura
¡i a luz i o progreso!

Curros acomete unha firme defensa do idioma galego (... fala de meus avós, fala en que os parias, de tréboa e polvo e de sudor cubertos, piden á terra o grau da cor da sangue...), idioma do pobo, relegado de todo ámbito público polo castelán.
O seu libro, Aires da miña terra, que combina o popular e o combativo, de 1880, valeulle unha condena de cárcere da que finalmente foi absolto.





Curros Enríquez gozou de gran éxito entre a xente do pobo, éxito que chega ata os nosos días.

Da aldea lonxana fumegan as tellas;
detrás dos petoutos vai póndose o sol;
retornan prós eidos coa noite as ovellas
triscando nas beiras o céspede mol.

Un vello, arrimado nun pau de sanguiño,
o monte atravesa de cara ó pinar.
Vai canso; unha pedra topou no camiño
e nela sentouse pra folgos tomar.
- ¡Ai! dixo, ¡que triste,
que triste que estou! -
I on sapo que oía
repuxo:-¡Cro, cro!

¡As ánemas tocan!... Tal noite com’ esta
queimóuseme a casa, morreume a muller;
ardeume a xugada na corte i a besta,
na terra a semente botouse a perder.

Vendín pros trabucos bacelos e hortas
e vou polo mundo de entón a pedir;
mais cando non topo pecháda-las portas,
os cas sáienme a elas e fanme fuxir.

Canta, sapo, canta:
ti i ei ¡somos dous!...
I o sapo, choroso,
cantaba: -¡Cro, cro!

Soliños estamos antrambos na terra,
mais nela un buraco ti alcontras i eu non;
a ti non te morden os ventos da serra
i a min as entranas i os ósos me ron.

Ti, nado nos montes, nos montes esperas,
decote cantando, teu térmeno ver;
eu, nado entre os homes, dormento entre as feras,
e morte non acho, si quero morrer.

Xa tocan... Recemos,
¡que dicen que hai Dios!...
El reza i o sapo
cantaba: -¡Cro, cro!

A noite cerraba, i o raio da lúa
nas lívidas cumes comenza a brilar;
curisco que tolle nos álbores brúa
i escóitase ó lexos o lobo ouvear.

O probe do vello, cos anos cangado,
erguese da pedra i o pau recadou;
virou para os ceos o puño pechado
e cara ós touzales rosmando marchou...

Cos ollos seguíndoo
na escura extensión,
o sapo quedouse
cantando: -¡Cro, cro!
Nouturnio, 1880.

- Expediente X (aquí).

1 comentário:

Anónimo disse...

Incommensurable Curros. E din que o castelán está en perigo, menuda tomadura de pelo; estes romanos.