ABSTENCIÓN PARA "Z"

O BNG abstense na investidura de Zapatero
porque non concreta os compromisos con Galiza
O candidato á Presidencia do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, non se pronunciou, tal e como lle pedía o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, sobre a transferencia da materia de tráfico e seguridade vial a Galiza.
Jorquera agradeceu o compromiso de Zapatero de completar as competencias pendentes pero esta “Cámara vai ter que pronunciarse sobre unha proposición de lei orgánica do Parlamento galego que reclama as competencias para Galiza en materia de tráfico e seguridade vial e lle agradecería unha resposta máis concreta. “Senón, o BNG mantén ese dispor ó diálogo pero teño que adiantar que nos absteremos na votación da investidura”.
Navantia Fene igual
No tema da volta de Navantia Fene á construción naval civil demandada longamente polo BNG, Zapatero escudouse nas limitacións da UE sobre o sector naval: “temos unhas restricións marcadas pola UE que debemos cumprir e atender” engadindo que “somos favorábeis a refrotar o sector pero nos límites que marca a UE”.
Sen compromisos concretos no voto dos residentes ausentes
Respeito ó voto dos residentes ausentes, deixou todo á creación dunha ponencia de estudo no seno da Comisión Constitucional para a reforma da Lei Eleitoral pero insistindo en que “non é tan doado”.
Na cuestión competencial, o candidato limitouse a sinalar que “imos cumprir os compromisos asumidos en materia de transferencia de competencias” pero non dixo nada sobre o traspaso de tráfico.
Jorquera reitera a vontade de diálogo do BNG no relativo á reforma da lei de interrupción do embarazo para estabelecer unha auténtica lei de prazos plantexada por Jorquera, o candidato á Presidencia do Goberno español, tamén propuxo a creación dun grupo de traballo para a avaliación da vixente lei.
Resposta non satisfactoria ao BNG
No turno da contrarréplica, Jorquera deixou claro que a resposta de Zapatero á algunhas das cuestións plantexadas polo BNG “non é satisfactoria”. “Estamos dispostos a discutir un cambio de modelo profundo de todo o relativo ó voto dos residentes ausentes pero non hai razón que xustifique que a día de hoxe os emigrantes non poidan votar en urna, e nun sistema homologado aos residentes no interior”. “Entendemos que outro tipo de reformas son complexas e que deben ser dialogadas pero hai uns mínimos de calidade democrática que xa son exixíbeis e polo tanto o que hai que manifestar é vontade política”.
O candidato á Presidencia do Goberno español non entrou en compromisos concretos e só manifestou o seu acordo na necesidade de avaliar e facer os esforzos posíbeis para mellorar o voto dos residentes ausentes, e insistiu na fórmula dunha ponencia de estudo na Comisión Constitucional como “o mellor método para abordalo”.
Infraestruturas
En segundo termo, o portavoz do BNG recoñeceu o esforzo que se fixo na pasada lexislatura para correxir esa situación “á que o BNG contribuiu de xeito decisivo”. E afirmou que “é básico redoblar ese esforzo para que Galiza teña asegurada a conexión por AVE coa Meseta no 2012, a conexión con AVE con Portugal no 2013 e para que se modernicen as redes ferroviarias e viarias interiores.
No relativo ás infraestruturas, afirmou que “os compromisos nas grandes infraestruturas, na alta velocidade, ímolos manter, é unha prioridade absoluta no que atinxe á toda a planificación da alta velocidade”. Díxolle que estamos dispostos a facer todos os esforzos nos estaleiros pero reiterou as limitacións da UE e sentenciou que “é unha tarefa moi difícil, hai que ser realistas”.
Reiterou a vontade de diálogo co BNG independentemente do sentido do voto na investidura.

Sem comentários: