XA TEMOS CANDIDATO

O pasado sábado, 10 de Febreiro, os militantes do BNG tivemos unha cea-xuntanza con simpatizantes, novos e de sempre, para dar conta do noso traballo neste tempo e definir a nosa estratexia de cara ás vindeiras eleccións locais (candidatura, programa electoral, actos electorais).

Na cea, tamén nos acompañaron Xosé Manuel Pavón, concelleiro do BNG en Monforte e Responsable Comarcal do BNG de Lugo-Sul, que tivo que retirarse cedo, non sen antes transmitirnos mensaxes de ánimo e total apoio, Severino Rodríguez, alcalde de Monforte, e Xosé Antón Ledo, representante da Comisión Electoral Provincial do BNG. Todos eles forman parte da Executiva e do Consello Comarcal do BNG de Lugo-Sul.
Temos moi claro que o prioritario é o noso traballo organizativo: comunicación directa coa veciñanza, espallamento de información útil para o Concello, celebración de actos participativos de interese xeral, estudo da realidade do Concello, etc.
Se o traballo organizativo funciona, funcionará o traballo institucional.

E no plano institucional queremos voltar a acadar representación no consistorio municipal para mellor atender as necesidades das xentes de Sober.
Para isto, asignámonos a tarefa de confecccionar unha lista preparada para gobernar e que inclúa a xente de todas as zonas do Concello.

Comezou falando Xesús Verao Pérez, tendo unhas palabras de agradecemento a toda aquela xente que colaborou na primeira lista do BNG que él encabezara nos anos 80, e lembrando tamén a Dora Amor, no noso recordo, e a todos os simpatizantes que confiaron e seguen apoiando ó BNG en Sober.

Logo, a Responsable Local, Paula Vázquez Verao, deu conta ós simpatizantes do traballo feito ata o de agora e informou da maneira en que imos seguir traballando, e abriuse un turno de palabra para que todos os presentes transmitísemos a nosa opinión.
Houbo referencias a que este Sur de Lugo, castigado durante tantos anos polos gobernos do PP na Xunta, na Deputación e o Concello, e polos gobernos de Madrid, do PSOE e o PP, merece moito máis; debe deixar de ser "unha bandeira para adquirir subvencións (de Europa) e unha lilaina para recibir", en palabras de Alfonso Campos; non pode ser que centos de "traballadores se vexan obrigados a cruzar toda a provincia, ou pasar demasiadas horas na carretera para ir a traballar", sinalou Antón Ledo.
Con respecto á Deputación, queremos crebar a maioría do PP no órgao provincial, para que por fin chegue a Transición a toda a provincia.
Temos claro o que queremos, "a xente do BNG sentimos o país", "comprendemos que a Galicia dinámica da costa non é nada sen a Galicia interior", dixo Severino Rodríguez". A xente que nos unimos ó proxecto do BNG buscamos o desenvolvemento integrado e sostible da nosa terra.

Tamén Severino nos transmitiu grandes ánimos, lembrando que unha boa oposición fai mellor ós gobernos, e que o traballo na oposición garante un bo traballo cando se acada a función de gobernar. "O difícil - dixo - non é gobernar unha cidade grande, coma Monforte, senon facer oposición en lugares coma Pantón, Taboada... coma Sober".
Nesta cea-xuntanza eliximos os 4 primeiros postos da lista que presentaremos ós comicios de Maio, que deberán ser ratificados polo Consello Comarcal. O candidato foi elixido por unanimidade pola Asamblea Local:

- Candidato: ALFONSO CAMPOS PÉREZ
- 2º: XESÚS VERAO PÉREZ
- 3º: PAULA VÁZQUEZ VERAO
- 4º: XOAN PIÑEIRO VÁZQUEZ









2 comentários:

Anónimo disse...

Carallo, ¡que pintas!

Anónimo disse...

De intelectuais, por suposto.