TAMÉN PRECISAN UN LOCAL...

Aproveitando a apertura do novo ximnasio municipal (que é unha boa proposta), para o que se habilitou un espazo no local xuvenil da residencia de anciáns, denunciamos a necesidade de espazos que teñen xentes deste Concello con iniciativas interesantes.
Está ben crear novas posibilidades de tempo libre (o ximnasio), pero hai que dar tamén resposta ás necesidades REAIS que actualmente temos os veciños; xente que desenvolve proxectos e non dispón de local, nin de apoio por parte do Goberno Municipal.
Referímonos, fundamentalmente, a dúas iniciativas, promovidas pola escasa (e non por iso menos activa) xente moza que quedamos en Sober.
1. Ó grupo de rock formado por mozos deste Concello non se lles habilitou un espazo adecuado ás súas necesidades. Inda máis, pechouse o espazo que antes utilizaban. Agora chámaselle "Sala de Exposicións", pero a única exposición que lembramos (aparte da de todos os anos pola Feira do Viño) é a titulada "Manuel María, a palabra viva", ¡que ironía!, unha exposición itinerante organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a CIG-ensino, a Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Mesa pola Normalización Lingüística.
Ademáis, acaba de ser publicado no DOGA o Decreto 16/2007, do 1 de febreiro, polo que se crea a Rede Galega de Locais de Ensaio para a Xuventude. A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar é consciente da importancia que ten facilitar vías polas que se poida manifestar a iniciativa e inquedanza artística, individual e colectiva, da xuventude galega, pero tamén de que é necesario facilitar espazos para que a creatividade xuvenil e as súas manifestacións culturais poidan expresarse con toda liberdade e cos apoios necesarios para que as súas propostas se consoliden. É suficientemente coñecida a relevancia que presentan os equipamentos socioculturais destinados á xuventude, dado o papel que cumpren en tanto que infraestruturas que serven de soporte físico para a dinamización da vida social e cultural do contorno no que se sitúan e canles que inciden na socialización, participación e expresión da propia mocidade. Por outra banda, estes equipamentos desempeñan un papel relevante na potenciación das iniciativas xeradas pola xuventude e na interacción cultural. Unha das manifestacións artísticas que máis dificultades atopa para o seu desenvolvemento é a creación musical, posto que para que a xuventude poida realizar esta actividade é necesario dispor dun lugar especialmente acondicionado onde poder ensaiar.Co obxecto de coordinar esforzos e ante o desexo de atender as demandas presentadas desde hai varios anos por grupos de mozos músicos noveis, considérase necesario dotar a Galicia dunha serie de centros constituídos en rede que lle faciliten o acceso a xuventude a locais de ensaio. Estes locais concíbense como espazos preparados acusticamente e debidamente insonorizados para atender a creatividade musical da xuventude, nos seus lugares de convivencia, polo cal esta rede se constituirá coa participación e colaboración das corporacións locais.
Así, demandamos do Concello que habilite un local de ensaio, que debe reunir as seguintes características, e permita o seu uso a xuventude. Ademáis, así poderá integralo na Rede Galega de Locais de Ensaio e acceder a distintas subvencións.
CARACTERÍSTICAS:
a) Estar preparados acusticamente e debidamente insonorizados.
b) Resultar idóneos para o fin a que se van destinar.
c) Contar con material e equipamento básico necesario para os ensaios.
d) Cumprir coa normativa vixente en materia de seguridade, sobre todo no que se refire a saídas de emerxencia, extintores, etc.
e) Cumprir coa normativa vixente de accesibilidade e de eliminación de barreiras.
f) Contar cunha póliza de seguros de responsabilidade civil que garanta a cobertura das indemnizacións aos usuarios e os sinistros dos locais.
2. Hai un grupo de mozos interesados no tenis de mesa, que antes practicaban tamén no local da "Sala de Exposicións". Así, demandamos a creación dun verdaderiro local xuvenil onde a mocidade poida reunirse e dispor de distintas actividades de ocio, coma xogos de mesa, dardos ou tenis de mesa.

Sem comentários: