Xosé Manuel Beiras en Galicia Hoxe.

Do Sil, si, non do Rin. Non se trata da primeira peza da tetraloxía wagnerián -inda que ben puidera ser, en imaxinativa transposición metafórica, dende as coordenadas simbólicas da mítica xermano-escandinava ás do universo identitario céltigo-fisterrán. Mais non, xa digo. Trátase do Sil, non do Rin. E de história, non de lenda nen mitoloxía. De historia de nunca acabar, iso si, dende a Gallaecia romana até a Galiza seica autónoma: provincia e colonia nas duas estremas dese longo traxecto histórico. Que semella circular, coma nos "corsi e ricorsi" de Giambattista Vico, o da "natureza común das nacións". Ou sexa: e volta a empezar. Quero dicir: nen independéncia política, nen soberanía económica, senón povo sometido e recursos espoliados. Por dous imperios de índole moi diferente nesas duas estremas históricas, o romano e o euro-ianqui -pero imperios os dous a fin de contas. E o trisquel fluvial do Sil co Miño, tanto naquel outrora inaugural canto neste arestora terminal, convirtido en "veas abertas" -con permiso, Eduardo- por onde o país se desangra, no canto de arterias que o irriguen e vivifiquen. Perda de sustancia e enerxía. Anemia, logo. E volta a empezar, insisto. Até a inanición completa -ou a rebelión irada.
Sem comentários:
Enviar um comentário