
Alfredo Suárez Canal insta os galegos a rachar o círculo vicioso da rotina dos gobernos municipais do PP para que así aflore o potencial do medio rural galego.
Silleda, 29 Abril 07.
“O BNG non quer planos de promoción do rural feitos desde Madrid”, afirmou esta mañá o portavoz nacional, Anxo Quintana, no acto Máis Vida para o Noso Medio Rural organizado pola formación frentista nun ateigadísimo recinto feiral de Silleda. Asemade, destacou que a presenza do BNG no Goberno “está a ser moi valorada pola xente do medio rural.
Xa en clave eleitoral, Quintana salientou que o BNG apresenta por vez primeira na historia listas nos 315 concellos do país, “para que todos os veciños e veciñas poidan escoller a nosa opción”. “Imos a estas eleccións coas mans limpas, que é o mínimo que se pode pedir a unha organización política. Ninguén atopará nas listas do BNG máis que honradez e honestidade”, alegou.
O líder nacionalista afirmou que as políticas para a Galiza interior non se poden medir só con criterios economicistas e destacou que o noso país deixará de ser nación “o día que non teña medio rural”.
En referencia á xestión do Goberno galego, puxo en destaque que as políticas para o medio rural deben ter un enfoque transversal. Así, apuntou que coa futura posta en marcha de 46 escolas infantís nas provincias de Lugo e Ourense estas irán estar á cabeza do Estado nesta materia.
O conselleiro de Medio Rural, o nacionalista Alfredo Suárez Canal, animou os presentes a teren en conta “o factor humano nas próximas eleccións”, pondo de manifesto “que no medio rural hai persoas comprometidas que van rachar coa rotina dos gobernos municipais do PP para facer que aflore o potencial do noso medio rural”. Suárez Canal acusou os gobernos do PP –a nivel autonómico, tamén municipal- de se ter instalado na indiferencia cúmplice de “dar por bon o despoboamento, o abandono de terras e a desvertebración social do medio rural”.
O conselleiro nacionalista afirmou que o BNG non se quer limitar á xestión diaria, senón que aposta “por modificar as estruturas porque Galiza así o necesita”.
Suárez Canal repasou as medidas do seu departamento: a Lei de Banco de Terras para mobilizar superficie agraria improdutiva; a Lei de Prevención de Incendios con medidas para cambiar en profundidade a política forestal; o impulso de contratos homologados entre produtores e transformadores no sector do viño, ou o Observatorio do sector lácteo.
Sem comentários:
Enviar um comentário