O BNG propón crear unha Comisión de Turismo


A través dunha moción, o Grupo Municipal do BNG de Sober propón crear unha Comisión de Turismo no Concello de Sober que se encargue de solicitar obras compensatorias pola baixada do nivel das augas do río Sil durante a primavera e o outono de 2010.




As obras de ampliación da central hidroeléctrica de Santo Estevo da empresa Iberdrola provocarán, ademais dun forte impacto ambiental, a paralización das viaxes dos catamaráns polo Sil entre a abril e outono de 2010, Ano Santo compostelán.
O BNG de Sober pensa que debemos aproveitar esta situación para replantexar a estratexia turística na Ribeira Sacra en xeral e no municipio de Sober en particular cara novos plantexamentos que conduzan a un desenvolvemento turístico respetuoso co medio natural e ca nosa cultura e que xere riqueza extendida a toda a poboación, entre os que destacamos os seguintes:
- implicación da sociedade no deseño da estratexia turística.
- deseño dunha estratexia turística respetuosa co medio natural e ca cultura propia.
- aposta por un turismo de contidos, que teña en conta os valores patrimoniais propios en todos os eidos (Medio Ambiente, Arte, Arqueoloxía, Arquitectura, Patrimonio Inmaterial...).
- racionalización dos recursos, apostando polas obras máis prioritarias.
- coordenación entre todas as administracións implicadas.
Ademais, o BNG de Sober entende que o impacto das obras na central hidroeléctrica afecta sobre todo á ribeira soberina, sen que xeren ningún beneficio, co cal son esixíbeis compensacións, que deberán reverter sobre todo no sector vitivinícola e nas parroquias ribeirás de Sober.
Polo exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno de Sober a adopción dos seguintes

ACORDOS
  1. O Pleno do Concello de Sober comprométese a integrar ao sector económico do viño e a comerciantes e artesáns no deseño do proxecto turístico alternativo aos catamaráns do Sil, instando ao resto das administracións e entidades implicadas no deseño da estratexia turística para a Ribeira Sacra (Xunta – Deputación – Consorcio de Turismo) a facer o mesmo.
  2. O Pleno do Concello de Sober pulará para que a estratexia turística na Ribeira Sacra teña en conta a relación entre as dúas ribeiras, ourensá e lucense, do Sil.
  3. O Pleno do Concello de Sober constituirá unha Comisión de Turismo, na que estén presentes todos os axentes sociais e económicos implicados no sector turístico do municipio, incluindo aos portavoces de todas as forzas políticas, para facer unha proposta de actuacións compensatorias en Sober pola baixada do nivel das augas do Sil, entre as cales o BNG de Sober propón as seguintes:
- aproveitar a baixada do nivel das augas para facer unha obra de acceso de barcas ao río nas zonas da Xabrega e de Portabrosmos.
- adecuar o embarcadoiro dos Chancís ás fluctuacións do nivel da auga do río.
- recuperación de camiños tradicionais, enlazando toda a ribeira soberina do Sil cun sendeiro a pé: corredor Doade – A Barca, con paso polos muíños do regato de A Boca.
- completar o acceso en autocar (se for suficiente cona zaorra, non usando o asfaltado) aos miradoiros "Colado da Cividade" e "Colado do Boqueiriño".
- consolidación e recuperación do camiño e dos muíños da Algueira a San Tomé.
- restauración das pinturas renacentistas da igrexa de Pinol.
- axudas para o adecentamento dos exteriores das adegas e axudas para os talleres de olería.
- racionalización da sinalización: plan de sinalización homoxéneo.
- limpeza do Castro da Cividade e do Cotarro das Rodas, unindo estes puntos cun sendeiro co miradoiro da Cividade.
- recuperación da microtoponimia da ribeira.

1 comentário:

Anónimo disse...

A tenente de alcalde que non é de Sober, non naceo en Sober nin vive en Sober nin paga impostos en Sober e cobra a conta dos que pagamos relixiosamente os nosos impostos en Sober. Dende cando cobra un concelleiro en Sober? Cal é o cometido desa señora?.
Perplexo.