O CONSORCIO DE TURISMO DA RIBEIRA SACRA DEBE CAMBIAR

· O fracaso do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

Atendendo a algunhas iniciativas e ás publicacións promovidas polo Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra percíbese unha idea do Turismo como mera actividade económica, como se se aceptase acriticamente o aumento da actividade turística como positivo en sí, sen cuestionarse a interacción do Turismo co Medio Ambiente, co Patrimonio ou con outras actividades económicas que non sexan as directamente relacionadas.
Á luz das auténticas barbaridades sobre a Historia comarcal e os aspectos patrimoniais que se repiten unha e outra vez en publicacións subvencionadas por cartos públicos intúese que o Consorcio Turístico da Ribeira Sacra ten un concepto folcklórico do Patrimonio; o Patrimonio entendido soamente como elemento pintoresco para o desfrute turístico, sen importar cometer graves erros históricos ou ignorar as tradicións propias e xenuinas deste territorio suplantándoas por inventos ou por elementos que, aínda que poderían ter parte de verdade, son dificilmente verificables historicamente.
Para O BNG DE SOBER, o legado que deixa o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra é pobre, falto de imaxinación e despilfarrador de cartos públicos, como a ruta das Igrexas luciérnagas ou o parque multiaventura en Escairón, que se pretendía facer en plena Devesa, ou a intención de iluminar o embalse de Belesar, símbolo de destrucción da nosa paisaxe para beneficiar a intereses alleos. Para O BNG DE SOBER, o prioritario tiña que ter sido a racionalización da excesiva e ambigüa sinalización de pobos, vías de comunicación e recursos turísticos, os estudos rigurosos sobre o Patrimonio, as actuacións de sensibilización, coñecemento e coidado do inmenso Patrimonio Natural, a recuperación do Patrimonio Inmaterial nunha comarca envellecida e a integración da sociedade no proxecto turístico.
O fundamental para O BNG DE SOBER sería elaborar un sensato e consensuado Plano de Desenvolvemento Turístico da Ribeira Sacra, no que se integren TURISMO-VIÑO-ARTESANÍA-INFRAESTRUTURAS-HISTORIA para que o Turismo se convirta nun sector económico puxante, que sexa unha fonte de riqueza para toda a poboación, un estímulo para o desenvolvemento acorde co Medio Ambiente e unha oportunidade para profundizar na fecunda e descoñecida Historia do noso pobo.

* Exemplos de graves carencias e erros na web do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

- Non se indican fitos arqueolóxico-artísticos importantes no apartado QUE VER.
- A información é moi sesgada e incorrecta nalgúns casos (etiquétanse todos os castros como “celtas”, petroglifos de Coviñas dos Toxos, en lugar de Os Toxaes, restos de grandes casas de planta circular en Proendos!!!, etc.). En Sober non se menciona nin unha soa igrexa románica e só se citan tres puntos de petroglifos, sen ningún criterio de selección serio e, por riba, con erros nas súas denominacións. O interesantísimo Románico de Chantada non existe por ningures. En Monforte só se sinala o conxunto de San Vicente no apartado de Patrimonio. De Pantón só se sinala o Mosteiro das Bernardas.
- Son algúns exemplos de graves carencias que fan do mapa que resume o Patrimonio da Ribeira Sacra na web do Consorcio unha auténtica afrenta para a xente que vivimos nunha comarca ca maior concentración de Arte Románica de Europa e con múltiples e interesantes recursos arqueolóxico-artísticos de distintas épocas.
- As fotografías son escasas e pouco representativas (en Sober só aparecen 4 imaxes, todas da zona da ribeira; do Saviñao só se mostran dúas fotos).
- O mapa orientativo é pouco concreto.


A INFORMACIÓN É ESCASA, OMITINDO IMPORTANTÍSIMOS FITOS HISTÓRICO ARTÍSTICOS (petroglifos, castros, igrexas románicas, casas grandes, elementos etnográficos...), ESTÁ MAL PLANTEXADA E CONTÉN ERROS GRAVÍSIMOS.


Por todo isto, consideramos unha burla para a xente da Ribeira Sacra que a imaxe exterior da zona sexa monopolizada polo Consorcio Turístico da RS tal e como está plantexado. Así, o BNG DE SOBER formulou un ROGO no pleno ordinario do Concello de Sober celebrado o venres, 13 de marzo de 2009, para que o Pleno adoptase o seguinte ACORDO (o Pleno non se pronunciou):



1. Que o Concello de Sober, en tanto que membro do Consorcio Turístico da Ribeira Sacra impulse os seguintes cambios no seu funcionamento:



a) Apertura do Consorcio á sociedade; contacto e integración das asociacións e xentes preocupadas por poñer en valor o Patrimonio da zona en todos os sentidos.
b) Asesoramento de especialistas (biólogos, xeógrafos, lingüistas, historiadores, arqueólogos…).
c) Implicación de toda a sociedade na creación dun portal web da Ribeira Sacra, completo e visual, e dunha guía turística das mesmas características.

2. Que o Concello de Sober conmine ós responsables da web do Consorcio Turístico da Ribeira Sacra a que se corrixan os graves erros na información que se dá sobre Sober.

3 comentários:

Anónimo disse...

Que esperades da ex-alcaldesa, Raquel Arias e do PP que nunca se preocupou nin se preocupará pola cultura nin polo patrimonio, agora queren destruir o que se construiu durante séculos, a lingua galega, o maior legado que temos, se somos galegos sómolo por mor da lingua que nos trasmitiron os nosos devanceiros, este PP convírtese nun partido lingüicida espallador de odio.

Anónimo disse...

Vostedes pidenlle cultura con MAIÚSCULAS ó PP. eles só queren o poder, a cultura para eles é sinónimo de bolsos caros, zapatos e vestidos, a mais próximo deles a cultura é un bolso de Loewe.

Anónimo disse...

Delirantes declaracións do próximo presidente da Xunta Feijoo,agás tamayazo,de que os bipartitos son gobernos que duran mui pouco, unha ou duas lexislaturas, logo pouca duración lle vai dar o bipartito do País Vasco PSOE e PP,bipartito antinatura, a non ser que o próximo goberno do País Vasco non se chame bipartito e que PSE+PP sexa goberno só do PP, cando vexa o seu compañeiro Basagoiti a ver como lle explica as súas declaracións desautorizantes do que fai o PP no País Vasco e porque un bipartito vale para unha autonomía sendo o PP o socio minoritario e en outras non.Doble raseiro e doble moral deste partido inzado de corrupción e de loitas intestinas que nada mais e nada menos pretende o goberno do estado español.