POR UNHA ORGANIZACIÓN TERRITORIAL BASEADA NAS COMARCAS

Quintana di que o BNG aposta por unha organización territorial baseada nas comarcas e áreas metropolitanas e pola fusión dos microconcellos
Vigo, 3 Febreiro 09. - O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Anxo Quintana, afirmou esta mañá en Vigo que Galiza ten “unha organización territorial e administrativa imposta sen ter en conta as nosas necesidades e o autogoberno ten que servir para cambiar esa realidade”.
“Queremos un país ordenado desde as institucións de goberno, o Parlamento e a Administración galega, con estadíos de organización baseados na comarca e áreas metropolitanas e nos concellos nos que a fusión de microconcellos márcase como pauta xeral de comportamento voluntaria e incentivada”, asegurou o líder nacionalista.

As Deputacións, institucións inúteis
“Queremos ter a competencia en Galiza para aplicar un proxecto, que é o máis importante”, explicou Quintana, “cómpre crear entidades novas e que desaparezan algunhas das que hai”.
O portavoz nacional afirmou que os cidadáns galegos “non están dispostos a ter aínda máis administracións. Son necesarias entidades novas, pero tamén hai que dicirlle aos cidadáns cales vamos eliminar, porque non sería admisíbel máis burocracia”.
Asi, o líder do Bloque dixo que “a entidade que ten todas as papeletas para desaparecer son as Deputacións porque son un organismo artificial, baseado nunha representación provincial que nada ten a ver coa realidade galega, que ten demostrado a súa falta de rigor competencial. Son institucións incapaces pola súa estrutura”, concluíu, “teñen demostrado incapacidade para o que debe ser a súa función básica: dotar de servizos aos concellos que pola súa estrutura non poden poñelos en práctica por si mesmas”.
O modelo do BNG aposta pola desaparición das Deputacións “con un proceso acompasado coa creación de novas entidades administrativas que suplan as súas funcións e outras entidades”.
Apostou pola aplicación dunha nova lei de coordenación das Deputacións e cumprindo o mandato estatutario e instou a que haxa un plano único de obras e servizos para toda Galiza no que participen as Deputacións e o goberno galego para “superar a estrutura provincial e actuar desde perspectiva de país”.
Organización baseada nas comarcas e áreas metropolitanas
En lugar da organización provincial, Anxo Quintana indicou que o BNG aposta por “unha organización territorial baseada nas comarcas e áreas metropolitanas como estadío intermedio e cremos que hai que levar adiante, con valentía, un proceso de fusión pactada dos microconcellos”.
Nesta liña, Quintana indicou que 89 concellos, o 30% dos do país, teñen menos de 2.000 habitantes, que se ven “moitas veces incapacitados para dotar de servizos aos seus cidadáns e é necesario, dende o goberno galego, impulsar e incentivar a fusión de entidades administrativas locais desa dimensión”.
Ese proceso de incentivación da fusión de pequenos concellos pasaría, tal e como explicou Quintana, polas fórmulas consorciadas nas que diferentes concellos poidan pór en marcha servizos en común coa participación do goberno galego” e puxo como exemplo de que “esta fórmula é posíbel e funciona” o Consorcio Galego de Benestar ao que están asociados máis de 270 concellos.
“Podemos pór en marcha servizos entre os concellos e o goberno galego e que funcionen”, indicou, “pode haber unha fusión de servizos comúns”.
O líder nacionalista asegurou que unha das cuestións máis relevantes que debe posibilitar o autogoberno é a organización do territorio. A trama administrativa debe centrar a acción das diferentes institucións. É o mínimo ao que un país ten dereito”, continuou, “poder organizar as institucións ás que debe acceder a cidadanía”. Nese sentido, na redacción do Novo Estatuto, o BNG quer que a competencia sobre o réxime territorial e administrativo do país sexa competencia exclusiva de Galiza”.
O cartel nacionalista lembrou que o feito de que non teña sido asi “nos acarrea graves prexuízos” e apuntou á existencia “dunha realidade de asentamento diferente, non homologábel ao resto do Estado, un país con 35.000 núcleos de poboación, graves contrastes entre o litoral e o exterior, atomizado, cunha organización territorial provincial allea á súa realidade e ás súas necesidades”.

Sem comentários: