GALIZA SERÁ A GAÑADORA DO CONCURSO EÓLICO

A Consellaría de Innovación e Industria admite hoxe a trámite 2.290,72 megavatios de potencia eólica, un total de 78 proxectos de parques eólicos de 29 promotores. A participación que xestionará o Goberno galego nos devanditos proxectos acada o 14,22% do total, o que supón 325,74 megavatios de potencia. Ao mesmo tempo, o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, destacou que desta participación pública que os promotores lle cederán ao INEGA, o 40% repercutirá directamente nos concellos afectados e o 10% nas comunidades de propietarios dos terreos. O titular nacionalista tamén destacou que a práctica totalidade dos proxectos recolle unha porcentaxe de participación sobre a facturación bruta anual de entre o 1% e o 3%, que equivalerá a 15,6 millóns de euros estimados anuais para os propietarios.
O investimento previsto no desenvolvemento destes parques é de 2.744 millóns de euros, que segundo informou o conselleiro se suman aos 1.357 millóns de euros de investimento que contemplan os proxectos de desenvolvemento asociados aos proxectos. Na presentación da resolución o titular nacionalista estimou en 3.100 os postos de traballo que xerará a construción dos parques e en 8.000 os derivados dos proxectos industriais.
Na presentación da resolución pola que se admite a trámite a nova potencia eólica, o vicepresidente da Xunta destacou que “en política unha das cousas máis importantes é cumprir coa palabra dada, e nós hoxe estamos a cumprir”. Segundo relatou Quintana, dende o primeiro momento este Goberno se propuxo “cambiar a historia” pola que Galiza nunca se beneficiara do aproveitamento dos seus recursos naturais. “Esta resolución cumpre con iso: por primeira vez a explotación dun recurso natural de Galiza redunda en beneficio dos cidadáns deste país”. Esta resolución, dixo Quintana, “ten un gran beneficiario, un gañador que é Galiza”.
O vicepresidente destacou que, coas cifras ofrecidas hoxe polo conselleiro de Innovación e Industria, o que queda ás claras é que quen vai a xestionar o maior número de megavatios é a Xunta de Galicia, en representación de todos os cidadáns de Galiza, o que supón que serán os cidadáns galegos os maiores beneficiarios desa adxudicación. “O gañador é Galiza e os galegos e as galegas”, acrecentou Quintana.
Ademais salientou que nun momento de crise económica coma o que atravesamos, é importante que se poñan en marcha proxectos enerxéticos e industriais cun investimento superior aos 1.400 millóns de euros, e o vicepresidente considerou tamén unha boa nova para o país que todo este proceso vaia a supoñer a creación de 8.000 postos de traballo.
Tamén o vicepresidente da Xunta aproveitou a comparecencia para felicitar ao conselleiro de Innovación e Industria e a todos os técnicos da Administración galega que traballaron neste procedemento e que permitiron “que hoxe teñamos unha resolución tan importante”. Segundo destacou Quintana, este non foi só un concurso público senón “radiado, televisado e comentado, con paredes de vidro, e iso é bo”, por iso sinalou que hoxe “facemos historia tamén pola transparencia e publicidade” coa que se ten levado adiante este proceso.

1 comentário:

Anónimo disse...

XA, ese titular e moi bonito pero quen gañara con todo este negocio seran os empresarios que colleran as concesions, antes serian do PP agora seran de todos... Galiza sempre perdera namentres segan intereses privados polo medio. Antes con enbalses ahora con muiños, lebradevos do video de Hai que botalos