
Direiche, tamén a ti que sendo culto desprezas o galego, que a fala é o meirande legado cultural que nos transmitiron xeracións e xeracións de homes e mulleres durante séculos. O idioma noso é a compilación da nosa Historia; nel están plasmadas as glorias e ruindades da nosa Nación, as nosas inquedanzas e os nosos medos, o cotián e o estraordinario, a nosa mareira de ver o mundo.

Reitérocho: interésame infinitamente máis como patrimonio a miña lingua nai que todas as manifestacións culturais materiais dos meus antergos; porque, sen a lingua, non tería sentido o Conxunto Galaico de Arte Rupetre, nin a Arte Románica do Reino de Galicia, nin todos os retábulos barrocos galegos xuntos; se o galego desarecera nada diso tería sentido, sería parte dun folcklore español, retallos incomprensibles dunha Cultura perdida. Así, se o galego desaparecese da Galicia sería conveniente, en aras da claridade e a precisión, cambiar o nome do país, este nome que dende hai dous mil anos se aplica ó noso territorio, por Castilla de Arriba ou Comunidad Autónoma del Noroeste español.
“Es que con el gallego no vamos a ningún sitio” - disme - . Imos cara o futuro, que non é pouco; porque só en galego Galicia ten futuro. E, en relación a isto, non me cabe na cabeza que tampouco queiras entender que o galego-portugués é unha das linguas transcontinentais, e que falando galego poderías desenvolverte en estados de Europa, América, África e mesmo Asia. Pero, se tanto che preocupa o teu futuro profesional, esquece tamén o castelán, e fala só inglés e chino mandarín; proclama, como así o fas en Galicia, que no Estado español se está a impor o castelán e que a ver se temos dunha vez liberdade para falar o chinés en todos os ámbitos da vida.

E entéirate ben: o galego non se fala por fastidiar; falamos galego porque nolo falan os nosos pais, porque nolo ensinaron os avós, porque é a lingua que durante séculos se foi transmitindo entre a nosa ascendencia, mesmo resistindo, por obra das clases populares, cincocentos anos de planificada vontade de exterminio.
CELSO EMILIO FERREIRO Longa noite de pedra
O galego existe porque existe o pobo galego; se morre o galego: ¿que é o que desaparece? Tal vez sexa esta a hora da morte do meu pobo, tal vez sexa inevitable que a Galicia se dilúa para sempre nas tebras da Historia. Gustaríame que poideses comprender a dor que supón ver agonizar a túa estirpe, o que ti es, o que te fai parte do mundo; porque nós somos no mundo, como dixo Castelao, porque somos galegos e galegas, porque somos en galego.
Amar o propio, preservalo coma un tesouro, defendelo e criticalo alí onde sexa preciso, eis a fórmula máis perfecta para a concordia entre os pobos, o pacifismo, o respecto polas distintas culturas e a loita contra o Imperio que quere asoballarnos.
Sem comentários:
Enviar um comentário