Nós parimos, nós decidimos

Un artigo de Ana Pontón
Santiago de Compostela, 15 Xaneiro 08. Polo seu interese, reproducimos o seguinte artigo de Ana Pontón, deputada do BNG no Parlamento Galego, sobre o dereito ao aborto, que foi publicado orixinalmente no xornal Faro de Vigo:
A regulación vixente sobre a interrupción voluntaria do embarazo no estado español é claramente insuficiente e xera situacións discriminatorias.
Insuficiente porque continúa sendo materia do código penal (con toda a carga ideolóxica que isto ten), despenalizada só en tres supostos e desprazando a decisión sobre a interrupción do embarazo a xuíces e médicos que actúan cunha ampla marxe de discrecionalidade. Discriminatoria, porque na práctica hoxe é posíbel abortar sempre e cando se teñan recursos económicos, é dicir, a regulación actual provocou unha privatización da interrupción voluntaria do embarazo, xa que só entre un 3- 5% dos casos son realizados na sanidade pública. Constatamos, pois, a necesidade de abordar unha reforma lexislativa que regule de xeito positivo o aborto, estabelecendo unha lei de prazos como na maior parte dos países do noso entorno, que garanta non só o dereito a decidir das mulleres, senón tamén que se realice con todas as garantías sanitarias. Un feito que só é posíbel se se produce no sistema público.
Resulta rechamante que, desde o ano 1985, non existise vontade política en quen gobernou no Estado para superar unha situación a todas luces inxusta e discriminatoria. O argumento de que a sociedade non está preparada para este debate non semella demasiado sólido cando vemos as cifras de interrupcións voluntarias do embarazo, que por outra parte non deixaron de medrar. Semella máis ben que o peso da moral –dupla moral- continúa a estar demasiado presente na actuación dos poderes públicos españois, ou que as boas relacións coa cúpula da Igrexa católica pesan máis que os dereitos das mulleres.

Mais rechamante aínda é que nesta lexislatura que acaba de rematar no Congreso este asunto fose sempre rexeitado polo PSOE. A proposta dunha regulación positiva sobre a interrupción voluntaria do embarazo non estivo ausente no debate parlamentar. O BNG, a través da súa representación en Cortes, non só estimulou este debate, presentando un texto articulado, senón que apoiou as iniciativas doutros grupos que ían nesa dirección. Tristemente, PP e PSOE uniron os seus votos para impedir a súa aprobación; os anuncios do partido gobernante de que se ía abordar a reforma caeron en saco roto.

Na Galiza, a pesar de que o noso Parlamento non ten competencias neste ámbito, o debate tivo mellor sorte. O pasado 27 de novembro debatíase unha proposición non de lei do BNG na que solicitabamos ao goberno do Estado a elaboración dunha lei de prazos, que garantise que as interrupcións voluntarias do embarazo se realicen na rede sanitaria, respectando o dereito das mulleres a decidiren. A resolución ficou finalmente aprobada co voto en contra do PP. En vinteseis anos de vida da nosa institución parlamentar, producíase por primeira vez un acordo favorábel á despenalización do aborto. Un acordo que sitúa a Galiza á cabeza desta reclamación, nun momento en que outros non saben aínda que posición manter. No BNG témolo claro e sumámonos a aquilo de que se nós parimos, nós decidimos”.

* A coordenadora Nacional da Marcha Mundial das Mulleres decidiu comezar unha campaña de recollida de autoinculpacións que se presentarán nos xulgados o próximo 8 de marzo, coincidindo co Día Internacional das Mulleres. O BNG colaborará con esta campaña. O formulario de autoinculpación pódese descargar desde esta ligazón.

Sem comentários: