COMEZA A PRECAMPAÑA EN SOBER



* O BNG celebrou un acto público no Colexo de Sober, ás 20:30 horas do Martes, 29 de Xaneiro de 2008.
Acudiron medio centenar de persoas a un acto conxunto Pantón-Sober ó que finalmente non puido asistir Fernando Blanco, Conselleiro de Innovación e Industria, por problemas de saúde.
Interviñeron Paula Vázquez Verao, Responsable Local do BNG en Sober, Xesús Álvarez Goianes, voceiro do BNG no Concello de Pantón, e Paz Abraira, candidata nº 1 ó Congreso polo BNG na provincia de Lugo.
A IMPORTANCIA PARA GALICIA DA POLÍTICA DO BNG NO ESTADO
Nós non imos a Madrid facer carreira política, imos reclamar o que a Galicia lle corresponde; non imos mendigar, imos reclamar, por exemplo que, se Galicia é un país envellecido, cunha poboación moi dispersa, precisamos máis financiamento para os Servizos Sociais. Porque as persoas maiores e dependentes de Galicia teñen o mesmo dereito que as do resto do Estado a ser atendidos. Isto non é mendigar, é esixir xustiza.
Isto, reclamar o que nos corresponde, só pode facelo o Bloque Nacionalista Galego: primeiro, porque os nacionalistas estudamos a realidade do país, e comprendémola; segundo, porque nós non nos debemos a unha dirección estatal, coma o PSOE e o PP, con todas as diferencias entre eles. Os deputados e deputadas do BNG en Madrid débense exclusivamente a Galicia.
Por exemplo, co asunto da A-76, o BNG defenderá sempre no Congreso que se minimice o impacto sobre a paisaxe e que se fagan ben os accesos para que non queden illados nin Pantón, nin Canabal, nin Camporrairo. O BNG defenderao sempre. Sen embargo, os deputados galegos do PP e do PSOE farán o que lles digan as direccións do seus partidos.
O BNG CRE NO DESENVOLVEMENTO DO NOSO PAÍS
Non imos mendigar a Madrid. Non imos a que nos subvencionen, senon a que nos permitan desenvolvernos por nós mesmos. Porque somos capaces.
O BNG cre no desenvolvemento de Galicia por sí propia. Cremos no desenvolvemento destas terras de Sober e Pantón, que non son pobres, se non que están empobrecidas polos 20 anos de desgoberno do PP na Xunta e pola desidia do PP que segue a gobernar estes dous Concellos. Non nos poden enganar falando de éxitos porque todos sabemos cal é o resultado: Pantón é o 3º concello máis envellecido do Estado e Sober o 1º, coa metade da poboación por riba dos 65 anos. ¡Estes son os éxitos do PP!
DESDE A CONSELLERÍA DE INDUSTRIA APÓSTASE
POLO DESENVOLVEMENTO DE GALICIA
Para cambiar esta situación, precisamente, a Consellería de Innovación e Industria, dirixida polo compañeiro Fernando Blanco, está a levar adiante políticas, moi valentes e moi necesarias, co obxectivo de que Galicia se desenvolva por sí propia.
En Sober e Pantón unha das iniciativas máis importantes é a reelectrificación de núcleos de poboación nos que, inda hoxe, século XXI, tiñan que apagar a lavadora para que funcionase a máquina de afeitar. Ter potencia de luz suficiente é fundamental para quen queira emprender unha actividade productiva que xere riqueza no Medio Rural. (Como tamén é fundamental ter un acceso digno a Internet). O BNG teno claro, e desde a Consellería de Industria está a facer o posible para que o que vive en Vilabalde teña tanto dereito a ter unha potencia de luz axeitada coma o que vive no centro de Vigo. Porque o BNG cre na viabilidade do modo de poboamento tradicional. Cremos que é posible vivir dignamente no Medio Rural.
O BNG facemos da política o que é: organizarnos para defender os intereses colectivos, os intereses do pobo galego, xa sexa aquí, facendo Oposición en Pantón e Sober, xa sexa desde a Xunta ou en Madrid.
Non somos perfectos, pero somos o que somos: o BNG non é outra cousa que a expresión política dun pobo que precisa decidir por si mesmo. Porque ou decidimos por nós mesmos, ou seguirán a decidir por nós.

Sem comentários: