DESEXOS PARA O ANINOVO

Con esto de que o calendario xuliano (perdón, gregoriano) chega ó ano MMVIII despois da data calculada para o nacemento dun tipo greñas antirromano que, de existir, tería nacido en torno ó ano 7 antes de Cristo, un ponse sentimental, mexeriqueiro, morriñento... E nós tamén, porque a vida en Sober da para moito humor pero, sobre todo, da para moita morriña estilo "o que puido ser e non foi" ou "aqueles marabillosos anos".

Os romanos, que comezaban o ano en primavera, agasallaban ós parentes e amigos con presentes para recibir o novo ano con sorte. Eran as strenae, unha especie de aguinaldo (e de aí vén, en parte, o costume de "estrear" un traxe novo nas festas). A nós gustaríanos agasallar ás xentes de Sober cun goberno municipal que obrase xusta e razoablemente pero, ¡ai!... Así qué, á máis pura tradición yanqui, aquí vai a nosa felicitación do novo ano 2008 a todo o pobo de Sober cunha lista de desexos (paz e amor e todo ese rollo). Pero, tranquis, que non esquecemos as tradicións nosas:

Despedida de ano vello,
entradiña de aninovo,
os señores desta casa
o conten con moito gozo.

Sen máis, aquí van os nosos desexos. Lembren deixar na mesa as migallas da cea de noitevella. Non se nos vaian esquecer dos defuntos, por Lug!

· Desexamos...

- que o día do patrón volva ser un montón de xente de todo Sober véndose cada pouco nun campo da festa distinto...

- que se volvan facer as trasnadas o 28...
- que nunca, pero nunca, nunca, nunca máis teñamos que proferir un lamento para lamentar o lamentable espectáculo de todas as putas eleccións...

- que o BNG sexa forza decisiva en Madrid e os tertulianos "serios" e "independentes" boten escuma pola boca chamándonos independentistas-republicanos-leninistas-ultraesquerdistas-comepequenos-ignorantes da historia da España imperial-radicais (case esquecía o adxetivo bloqueiro por antonomasia)-"es que los del Bloooque"-inquisidores anti castelánfalantes-forza minoritaria e chulos de piscifactoría...

- que dunha santa vez as pistas e traídas e saneamentos respondan á Razón e non á Razóndoscartos...

- que a política cultural inclúa coñecer a nosa Historia...

- que nos cansemos de oír pequenos berrando polas carreiras...

- que se lle volvan meter fíos ás filloas...

- que non se dea andado na festa de Cadeiras...

- que nos poidamos volver bañar no Cabe en Canaval...

- que as feiras de Sober se convirtan nun centro de distribución de productos básicos locais que, sí, poden crear riqueza no noso pobo...

- que a beleza destas terras non se vexa derramada por vertedoiros, turismo incontrolado, uralita, bloque ou o clásico sommier-portela da leira...

- que o rural sexa a prioridade absoluta das actuacións municipais...

-que sexamos capaces de informar á xente, de crear opinión, de fomentar o debate e o espíritu crítico, de facer comprender que os cartos públicos son de todos, de facer saber que temos dereito a vivir na nosa terra en igualdade...

* Engade os teus desexos...

2 comentários:

Anónimo disse...

... e que vaian ó carallo os ladrós da nosa terra...

Anónimo disse...

Feliz ano a todos os visitantes deste blog.